Alta participación infantil na carreira popular 'Entre pazos e carballos'

Taboada
4 Outubro 2018
Deporte
Redacción | 4 de outubro 2018
A VII carreira popular ‘Entre pazos e carballos’ de Taboada reuniu a preto de 500 corredores de todas as idades. Nacía para impulsar a actividade deportiva e social dende a asociación cultural O Carballo e hoxe é unha cita de referencia na provincia que move a ducias de nenas e nenos na educación para unha vida saudable e no coñecemento dos recursos naturais do municipio.
Son xa sete edicións e algunhas menos dentro do circuíto Miño Ulla de carreiras populares. A proba Entre Pazos e Carballos de Taboada desenvolveuse o sábado 22 de setembro nunha tarde marcada polas altas temperaturas e polas sorpresas agradables e musicais durante o percorrido. Déronse cita arredor de 470 corredores/as chegados/as de toda Galicia facendo verdadeira a idea de que se trata dunha carreira xa consolidada. A organización deste evento, a asociación cultural O Carballo, ía na procura da participación local e a promoción do deporte a raíz do crecemento da afección pola disciplina de moda: o running . Lográrono, e foron máis alá, ao acadar que sexa hoxe en día unha carreira popular de referencia pola alta participación infantil.

Coa colaboración de moitas firmas locais, o Concello e o GDR Miño-Ulla, o colectivo deseñou un duro circuíto de 7,4 quilómetros para os máis atrevidos e pequenas distancias en función das distintas categorías.

O primeiro en chegar á meta foi o atleta lugués Gude, que se fixo por segundo ano consecutivo coa carreira popular de Taboada en 25 minutos e 23 segundos. Na categoría feminina absoluta Ariana González, chegada dende o Rosal, subiu ao podio como primeira clasificada cun tempo de 31 minutos e 32 segundos. Pero todas e cada un dos participantes foron os protagonistas.
Concello
Concello Taboada
Taboada Saber máis