Aparecen restos dunha muralla monumental nas Penas do Castelo

A Pobra do Brollón
9 Setembro 2021
Patrimonio
Redacción | 9 de setembro de 2021
Desenterran unha muralla de seis metros de ancho e catro de alto no xacemento de Penas do Castelo, en Salcedo. O xacemento emprázase a poucos metros do límite do lume que asolou a zona a principios desta semana e os especialistas afirman que a altura orixinal sería aínda maior que o que se conserva. A campaña está financiada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, Comunidade de Montes e Asociación Veciñal de Salcedo.
Os traballos arqueolóxicos nas Penas do Castelo, na parroquia de Salcedo ( A Pobra do Brollón) seguen polo momento sen poder desentrañar toda a intriga sobre a súa orixe incerta. Pero xa deixan ver moito máis da singular muralla que parece conservarse nun estado excepcional.
A muralla está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor.
A campaña, financiada pola Xunta de Galicia, encádrase nun proxecto de ‘arqueoloxía de aldea’, complementado con outras actividades culturais, a recollida da tradición oral da zona ou visitas guiadas que tiveron lugar durante todo o verán. As tarefas arqueolóxicas comezaron o pasado 23 de agosto, e precisamente un dos principais obxectivos é o de datar estes misteriosos restos. Afondar no coñecemento do noso pasado e documentar as técnicas construtivas coas que se estaba a traballar son outros dos propósitos da campaña.
 O rango de datación vai dende a Idade do Ferro ata a alta Idade Media e a técnica do carbono 14 sobre as mostras recollidas poderá achegar información. Precisamente establecer unha datación do xacemento é un dos principais obxectivos da campaña arqueolóxica, mediante toma de mostras que serán analizadas coa técnica do Carbono 14. 
Segundo sinalan dende o Concello "Os arqueólogos querían dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas. As estimacións dos técnicos eran duns tres metros de ancho de muralla cando planearon a sondaxe, mais ao pouco de comezar a escavar déronse conta que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara, mais a cara interna non aparecía.
“A muralla é realmente monumental”, apunto pola súa banda Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención. “Ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación”.
Para Marisa Defente, da  directiva  da  Asociación  Veciñal e  Comunidade  de Montes, “este achado monumental é un atractivo para o monte de Salcedo, tanto para que a xente nos visite como para incidir na conciencia comunitaria da propia aldea. Reforza, ademais a nosa aposta polos usos recreativos e de esparexemento do monte”.
Xosé   Lois   Maceda,   alcalde   da   Pobra   do   Brollón,   destaca   que   “con   esta intervención, este xacemento estraño, do que aínda non coñecemos a época pero absolutamente monumental, é un recurso turístico interesantísimo para a rede de recursos arqueolóxicos do Concello”.
Concello