Aprazada a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

Ribeira Sacra
4 Xuño 2021
Cultura
A directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Insua,  o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en Paris.
Redacción | 4 de xuño de 2021
Non será finalmente este verán cando saibamos se a paisaxe cultural da nosa Ribeira Sacra é declarada Patrimonio Mundial pola Unesco. Unha decisión consensuada entre o Goberno da Xunta e o Goberno Central retira a candidatura desta quenda de 2021 co fin de concorrer no futuro con máis firmeza e mellorar algúns aspectos do expediente que dotarían de máis garantías a súa concorrencia. A nova chega nun momento moi próximo á reunión do Comité do Patrimonio Mundial nas vindeiras semanas en Fuzhou, China, o que se presentaba como un horizonte clave para o territorio.
Polo momento, non vai ser. A Xunta de Galicia e o Goberno central veñen de acordar conxuntamente o aprazamento do último paso na presentación da candidatura da paisaxe cultural da Ribeira Sacra ao Comité do Patrimonio Mundial.

Segundo argumentaron trataríase dunha decisión consensuada co fin de “ fornecer aínda máis candidatura atendendo ás avaliacións e os informes de Icomos, organismo asesor da Unesco no trámite de avaliación das candidaturas”.

O Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, comunicaron este xoves, 3 de xuño, esta decisión que foi tomada tras unha reunión mantida en París.

Hai que seguir “mellorando aspectos que nos permitan acreditar con toda a forza os valores excepcionais da Ribeira Sacra”, sinalou o representate da Xunta para impulsar, “aínda con máis garantías, a súa inclusión na lista de Patrimonio Mundial. O proceso é esixente e os técnicos apuntaron que “continuarán traballando conxuntamente para estar na fase final no prazo de tempo máis breve posible”.

Nunha nota de prensa, a Consellería veu indicar que existen uns criterios cada vez máis esixentes para España. O Comité da Unesco “está endurecendo as súas medidas e é cada vez máis estrito e rigoroso dando prioridade aos países con menos bens declarados”.  España é un dos tres países con máis bens recoñecidos pola Unesco, só por detrás de Italia e China. Dos 48 bens cos que conta España, 13 foron declarados na última década.

Por outro lado, queren incidir nos “grandes fitos acadados nun tempo record” e engaden que a situación de pandemia tamén afectou ao procedemento “ ao acumularse as candidaturas do ano pasado logo de que a Unesco non reunise ao seu Comité do Patrimonio Mundial”.

Aínda máis, sinalaron que a decisión, cualificada de “estratéxica” de pospoñer o último paso da candidatura é un trámite “normal e habitual nas candidaturas que compiten por ser declaradas Patrimonio da Humanidade”. Puxeron de exemplo casos similares que xa levaron a cabo este paso atrás nos últimos anos como son o Priorat de Tarragona e a Menorca Talayótica, ou outras a nivel internacional como Prosseco en Italia, que conseguiu o máximo recoñecemento da Unesco en 2019 tras aprazar un ano a súa presentación.

Rodríguez declarou que “O noso horizonte continúa sendo o mesmo: que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial. Estou seguro de que estamos preto de conseguilo e por iso desde a Xunta non só manteremos os investimentos previstos, senón que os incrementaremos para continuar poñendo en valor e garantindo a protección do conxunto deste territorio”.

O Plan Ribeira Sacra, vixente ata 2023 seguirá adiante de xeito paralelo ao traballo na candidatura. Este proxecto está dotado con 34 millóns de euros para 35 accións en diversos aspectos que se definiron dun modo xenérico como ordenación do territorio, conservación do patrimonio e dos valores naturais, desenvolvemento sustentable, educación ou xestión do turismo.

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra