ARQUEOLOXÍA PARA QUEN? RIBEIRA SACRA PARA QUEN?

A Pobra do Brollón
17 Marzo 2022
Patrimonio
De esquerda a dereita: Cristóbal Gnecco (Universidade do Cauca, Colombia), Reinhard Bernbeck (Freie Universität Berlin, Alemaña), Randall McGuire (Universidade de Binghamton, NY, USA), Rachael Kiddey (Universidade de Oxford), Gabriel Moshenska (University College de Londres), Alfredo González Ruibal (INCIPIT, CSIC), Laura McAtackney (Aarhus University, Dinamarca), Patricia A. McAnany (Universidade de North Carolina, USA), Lindsay Montgomery (Universidade de Arizona, USA) e Ruth Van Dyke (Universidade de Binghamton, NY, USA). Castro de San Lourenzo (Fotografía de Xurxo Ayán, 16/03/2022).
Xurxo Ayán | Cereixa. 17 de marzo de 2022
"Unicamente a través dos estudos críticos (e da autocrítica) poderemos ser útiles para as nosas comunidades da Ribeira Sacra nestes combates pola Historia.A Arqueoloxía que facemos na nosa terra é para con elas, as comunidades. O que non sabemos (ou si) é para quen é ese constructo chamado Ribeira Sacra".
Na década de 1990 comezou o doble proceso de construción ideolóxica de, por unha banda, unha paisaxe imaxinada, (a Ribeira Sacra) e, por outra banda, dunha vía xacobea (o Camiño de Inverno). O novo milenio trouxo canda si unha segunda fase na que se desenvolveu todo un proceso de patrimonialización, dacordo cunha política de memoria que combina un actualizado nacionalcatolicismo por parte da dereita galega (reserva espiritual de Galicia, a exaltación do románico) e a aplicación dos postulados tecnocráticos neoliberais (conversión en xeodestino, depredación turística, extractivismo da memoria a prol do consumo ahistórico do territorio). E agora estamos inmersos nunha terceira etapa, aquela na que o Poder (é dicir, o Estado, é dicir, a Xunta) está a construír materialmente esta paisaxe a través da “rehabilitación” de monumentos, da instalación de marcadores (monolitos, bancos, bargos) na ruta xacobea, da construción de miradoiros, da apropiación pictórica mediante murais, da creación de pastiches etnográficos como as aldeas-modelo*. Nesta estratexia os vivos e os mortos son un estorbo para a contemplación esteticista do século XII ou para a creación de albergues para pelegríns. O alcumado Pacto pola Paisaxe está xerando performances e escenografías, pero o máis interesante é que está creando continuamente materialidade. E a materialidade é o obxecto de estudo da Arqueoloxía. Por iso a Arqueoloxía é un saber-facer útil e pertinente no só para estudar o pasado, senón tamén para analisar os procesos de construción social da realidade.

Neste senso, a verdadeira disciplina necesaria para comprender o que está acontecer no noso territorio son os estudos críticos de patrimonio. Na semana pasada tivo lugar un encontro de varias asociacións de base para reivindicar o seu papel no proceso de declaración da RS com Patrimonio da Humanidade, pero sen vontade de facer ningún tipo de crítica (así foi recolleito na nova de prensa publicada por Francisco Albo en La Voz de Galicia). Un enfoque que asume aprioristicamente a bondade dese interés do Poder por unescoizar a RS é lexítimo, por suposto. Pero, na miña opinión é un enfoque errado e inútil. Os procesos de patrimonialización non son cousas que deban ser naturalizadas, que veñen soas, que son boas e necesarias per se. Todo o contrario. O patrimonio é conflito, é unha factoría constante de ideoloxía, obedece a intereses políticos e económicos e é unha perfeita ferramenta para o control social. É unha maneira moi intelixente de domesticar as comunidades subalternas que habitan o territorio. E isto podemos velo se superamos o ámbito local e proxectamos o noso caso a nivel internacional. É un dos poucos medios para superar a propaganda oficial, isto é, o discurso hexemónico. Así o puidemos comprobar cando recibimos o comité de ICOMOS, formado por técnicos e investigadores estranxeiros. Eles e elas viron o que non se quere ver, mais é obvio.

Neste contexto, é unha grande noticia a celebración en Compostela do Obradoiro “Archaeology for Whom? Heritage, Community, and Reactionary Populism.” financiado pola Wenner-Gren Foundation e dirixido por Randall McGuire (Binghamton University, NY) e Alfredo González Ruibal (Instituto de Ciencias do Patrimonio, CSIC). Durante varios días, especialistas en Arqueoloxía Pública e Comunitaria (de Colombia, USA, Reino Unido, España, Alemaña, Irlanda, Dinamarca) debatimos a partir das nosas experiencias e proxectos sobre os perigos do populismo reaccionario e da súa influencia na xestión do patrimonio cultural. Dacordo co que se está a facer no resto do mundo, e como vimos defendendo dende hai tempo (sen éxito), non se pode comprender a RS sen falar de indixenismo, nacionalismo, colonialismo, empoderamento e dunha Arqueoloxía crítica que supere os mitos eruditos, as falsificacións históricas e a manipulación do pasado.

A nosa débeda intelectual cos e coas colegas deste seminario é enorme e axuda a comprender a Arqueoloxía comunitaria na que cre o noso equipo. Vaia por diante que eu son un home branco, urbanita, de clase media, emigrante noutro país, fago Arqueoloxía Pública e Comunitaria, fago Arqueoloxía do Pasado Recente, son un indíxena membro da asociación de veciños da miña parroquia, e non concordo co proceso de unescoización da terra de Lemos. Partindo destes condicionantes e eleccións persoais, tento contribuír co meu equipo a elaborar narrativas alternativas sobre o pasado deste territorio, a empoderar ás comunidades locais, a reivindicar un turismo de memoria, a descolonizar a maneira que temos de pensar o devalar do noso territorio. E para iso precisamos referentes, proxectos inspiradores como os que partillamos estes días en Compostela e na visita a Cereixa. Deseguido resumirei algunhas destas aportacións, non todas, para non estenderme.

Ruth Van Dyke (Binghamton University, New York) é descendente da comunidade alsaciana emigrante ao Medio Oeste dos Estados Unidos no sécuko XIX. Ela escavou as vellas casas dos colonos en Castroville, nun proxecto arqueolóxico que nos serviu de inspiración para desenvolver a nosa liña de traballo sobre as aldeas abandonadas no noso mundo rural. Nós facemos o mesmo ca Ruth cando procuramos o impacto material da Modernidade no espazo doméstico de lugares da Terra de Lemos como Repil ou Lamas. Para nós estas son as verdadeiras aldeas-modelo, aquelas que son escenarios para recuperar o protagonismo das comunidades rurais na historia feita paisaxe, non só simples ruínas románticas decoradas con esgrafiados. Doutra volta, Ruth amósanos as visións idealizadas do pasado que manexan os descendentes daqueles pioneiros, os cais foron unha ferramenta máis no proceso colonial para o expolio e a eliminación dos pobos aborixes. Esta arqueoloxía do colonialismo está a ser desenvolvida, pola súa vez, por Gabriel Moshenska (University College of London) quen estuda a materialidade da revolta Mau-Mau en Kenya contra o Imperio británico nos anos 50. As súas pesquisas reconstrúen o modelo represivo do poder colonial, non moi alonxado do que fixo o franquismo para combater a guerrilla antifranquista no rural. Nesta liña da Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo traballa tamén Reinhardt Bernbeck (Frei Universität, Berlín), un home con experiencia de campo en Armenia, Xordania, Siria, Turkmenistán, Turquía, ou os territorios ocupados en Palestina. El foi un dos pioneiros en pescudar arqueoloxicamente o rexime nazi, cando escavou os restos do sistema concentracionario vencellado ao aeroporto Tempelhof na capital alemá. Tanto Reinhard como Gabriel son expertos na xestión de patrimonios difíceis, traumáticos, incómodos. E a RS é tamén un destes espazos feridos.

Non podemos comprender nin promocionar este territorio sen ter en conta as materialidades tráxicas xeradas polo século XX: as vítimas estradas nas foxas comúns dos nosos cemiterios, o emprego polo electrofascismo de prisioneiros de guerra na construción de encoros e na explotación de minas, os civís masacrados polas forzas represivas do rexime franquista na loita contra a guerrilla, o fallido proxecto de colonización agraria da terra de Lemos, a deportación de poboación e a depredación do territorio a prol dun modelo extractivista do capitalismo avanzado, a escravitude que nos lembra cada club de alterne en ruínas. Neste senso, levamos anos na RS aplicando esa Arqueoloxía da Era Contemporánea que reclama o noso Alfredo González Ruibal (INCIPIT, CSIC). O patrimonio é unha construción política, e a arqueoloxía é unha ferramenta para a acción, tal como defende Randall McGuire (Binghamton University, New York), un dos meirandes representantes da arqueoloxía marxista. Un home comprometido cos migrantes que cruzan o deserto de Sonora e co pasado mineiro de Colorado, onde recuperou os restos materiais das masacres provocadas polo exército dos USA contra os mineiros en folga nos anos dez do século XX. Traballos que nos inspiran na nosa loita por dignificar e recuperar a memoria daqueles que resistiron ao Poder ou foron vítimas de el.

Aparte desta Arqueoloxía do Conflito, o seminario contou con aportacións fantásticas para orientar as nosas práticas en Arqueoloxía coas comunidades. Lindsay Montogomery (University of Arizona, USA) amósanos ben ás claras o papel xogado polas arqueoloxías indixenistas á hora de materializar o proceso de restitución patrimonial esixido polo marco legal e polas propias comunidades amerindias. No noso caso estamos vendo como a xente lemava está solicitando o retorno de pezas arqueolóxicas, convertidas xa en iconas identitarias. No noso proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo iniciamos a loita para repatriar desde o museo os restos dos devanceiros para reinhumalos nese espazo sagro. Fronte á depredación do territorio, queremos que se respete a nosa cartografía simbólica, que se recupere o sentido de lugar dos sitios arqueolóxicos, e non se trate aos mortiños coma un estorbo, coma unha simple unidade estratigráfica nun informe ou coma un refugallo gardado nunha caixa de zapatos no almacén dun museo lonxano. Pola súa vez, as compañeiras Laura McAtackney (Universidade de Aarhus, Dinamarca) e Rachel Kidley (Universidade de Oxford) dirixen proxectos que nos interpelan en toda a súa crudeza, desde o estudo dos edificios relixiosos en Irlanda nos que se cometeron abusos sexuais a menores, pasando polo traballo feminino en factorías hoxe abandonadas até chegar aos migrantes de Próximo Oriente que foron acollidos no Reino Unido. Propostas que tentan xestionar os pasados traumáticos e os retos dun presente marcado pola migración, as crises de refuxiados, a multiculturalidade, mais tamén polo ascenso do fascismo e o rodillo do populismo reaccionario.

Este seminario advírtenos do perigo de empregar enfoques esencialistas, de lexitimar discursos identitarios, de defender absurdas continuidades históricas, de praticar un populismo sistémico e de encetar “cruzadas patrimoniais”. Facer Arqueoloxía comunitaria non é deixar falar (iso non é escoitar), ou pretender dar a voz aos e ás subalternas dun xeito paternalista, ou mesmo idealizar acriticamente á veciñanza. Cómpre educar, provocar, estimular, amosar as cicatrices da memoria e elaborar narrativas que superen o racismo endémico, o medo ao Outro, que fomenten o espírito crítico e mobilicen a acción política para mudar as cousas. Cómpre ciencia mais tamén unha cultura científica nas guerras culturais que se están dando hoxendía. Unhas práticas reñidas cos falsos mitos eruditos, coa idealización do pasado, coa invención de falsos históricos, coa creación de pastiches, coa vision apolítica, populista e aséptica do patrimonio. Unicamente a través dos estudos críticos (e da autocrítica) poderemos ser útiles para as nosas comunidades da RS nestes combates pola Historia. 

A Arqueoloxía que facemos na nosa terra é para con elas, as comunidades. O que non sabemos (ou si) é para quen é ese constructo chamado Ribeira Sacra.



* Neste contexto xeral cómpre sinalar o labor nestes tres últimos anos da Direción Xeral de Patrimonio Cultural de fomento da investigación arqueolóxica de campo na RS para avanzar no coñecemento científico da xénese e evolución desta paisaxe. Esta é unha consecuencia colateral (positiva) da axenda política do goberno autonómico e das acaídas críticas verquidas polo ICOMOS no seu recente informe.

Concello