Bexán: "A memoria, primeiro lugar onde ir"

Un agradable sol outonal e un silencio revelador acompañaban esta tarde os pasos por unha das ducias de aldeas deshabitadas da Ribeira Sacra, unha dos milleiros de localidades da España baleirada que estes días se converte nun pequeno museo do despoboamento. Escollidas fotografías familiares en gran formato colgan dende esta fin de semana dos muros derruídos para amosar quen foron os últimos moradores de cada un destes lares de pedra rotos pola soidade e polo paso do tempo.
‘Bexán In Memoriam’ é o nome desta iniciativa impulsada pola nacente Asociación Cultural Artística Sacra (ACASA) e quere render homenaxe aos últimos habitantes deste núcleo pertencente á parroquia de Diomondi, no Saviñao. O ano pasado seica finou o último deles.
Apenas unhas tres vivendas rehabilitadas nas últimas décadas, rastros dalgunha obra inminente e algunhas adeguiñas con porta firme, pechadura e viña vendimada son os escasos síntomas dunha vida esporádica no lugar. Agora tamén o son as instantáneas da vida ribeirá que foi ata non hai tanto tempo e os rostros estampados das veciñas e dos veciños que xa partiron. Algúns deles, non tan lonxe. Son precisamente eles, os que emigraron a localidades próximas, quen colaboraron nesta acción cultural do colectivo ACASA. Fixérono coa procura e achega dos retratos familiares e, sobre todo, pisando unha vez máis os carreiros e as rúas de Bexán que salpicaron tantas lembranzas como bágoas grazas a esta singular mostra fotográfica inaugurada o domingo.
A ruta polas fotos da memoria de Bexán complétase coas sempre atraentes e conmovedoras imaxes deses obxectos illados que foron membros do fogar e alí permanecen gardando os seus segredos. Tra-las portas deitadas no chan, baixo os teitos que xa non existen ou a través das fiestras que encadran unhas vistas irrepetibles cara ao río Miño. Fotos nos muros e fotografía omnipresente onde poña a vista o visitante ou intruso.
A panorámica aliméntase con salpicados e contadísimos carteis de ‘Se Vende’ e inúndase coa natureza incontestable que irrompe por calquera buraco entre as paredes graníticas, sobre as tellas… facéndose novamente dona do espazo. É deste xeito como a vida se abre paso agora en Bexán.
Memoria e participación, en definitiva, nunha actividade
artística que xa con isto logrou poñer o foco no drama do despoboamento, pero
tamén nesa cultura con compromiso social, que se fai para quedarse, dende
dentro, ou para volver. Os xestos que fan protagonistas o territorio e a
comunidade. En contraposición aos grandes carteis de propaganda sobre o reto
demográfico do rural: pequenas fotos familiares, accións verdadeiras, cultura e
realidade.