Brollón suma un novo proxecto de "arqueoloxía de aldea" nas Penas do Castelo ( Salcedo)

A Pobra do Brollón
29 Xuño 2021
Patrimonio
Redacción | 29 de xuño de 2021
Na Pobra do Brollón continúan apostando pola arqueoloxía comunitaria. Aos proxectos de Adegas da Memoria, en Vilachá de Salvadur, e O Castro de San Lourenzo, en Cereixa súmase o das Penas do Castelo, na parroquia de Salcedo. Nesta semana comezaron os traballos de roza no lugar que parece albergar unha construción cando menos de orixe medieval.
Na Pobra do Brollón continúan apostando pola arqueoloxía comunitaria. Aos proxectos de Adegas da Memoria, en Vilachá de Salvadur, e O Castro de San Lourenzo, en Cereixa súmase o das Penas do Castelo, na parroquia de Salcedo. Nesta semana comezaron os traballos de roza no lugar que parece albergar unha construción cando menos de orixe medieval.

 Os traballos serán  realizados pola empresa forestal Foresga e supervisados pola empresa Árbore  Arqueoloxía e Restauración. Esta iniciativa ten detrás ao Concello xunto á Asociación de Veciños de Salcedo e a Comunidade de Montes. Xa ten implicada e conectada á veciñanza desta localidade, habitualmente unida en eventos de tradición e cultura dos que tan só un exemplo é o Entroido, O Oso e o teatro popular. A intervención está enmarcada no proxecto Penas do Castelo que se define como de  arqueoloxía de aldea

‘O control arqueolóxico garante que o xacemento non sufra danos durante a roza,’ comenta Benito Vilas, arqueólogo. ‘Grazas a esta limpeza comprenderemos mellor  este xacemento, polo de agora bastante enigmático, así como as súas dimensións e  límites.’

Tal e como aparece na ficha de catalogación, pola súa forma e tipoloxía o máis  probable é que se trate dun xacemento altomedieval e non se descarta que teña unha  orixe anterior, na primeira Idade do Ferro. O xacemento presenta un sistema defensivo monumental e moi visible, ademais está  nunha situación privilexiada sobre o río Lor con magníficas vistas da paisaxe.

‘Este sitio é un recurso de gran interese na rede de recursos arqueolóxicos visitables no  noso Concello, polo que este verán xa estará incluído no circuíto de visitas guiadas’,  comenta o alcalde, Xosé Lois Maceda.

O proxecto vén de publicar uns vídeos nos que os veciños falan do que consideran o  elemento patrimonial máis importante da aldea para cadaquén. Os vídeos continuarán  a publicarse nos perfís de Facebook (@penasdocastelo) e Instagram (@penas_do_castelo).

Máis alá da roza e o traballo audiovisual cos veciños, están previstas outras accións e  actividades didácticas. ‘Trátase de crear dinámicas comunitarias a través da arqueoloxía,’ comenta Marisa Defente, veciña e membro dos colectivos veciñais.

Concello