Carta Aberta con ocasión do coronavirus, por Tareixa Ledo Regal
Chantada
26 Marzo 2020
Social
Carta Aberta con ocasión do coronavirus
por Tareixa Ledo Regal
Socióloga e terapeuta
Tareixa Ledo Regal | 26 de marzo de 2020
"Necesitamos revisar moitas prioridades actuais, tanto persoais como colectivas. Como sociedade estamos a comprender a necesidade dun sistema público de saúde, a importancia de redes locais de produción de alimentos, a urxencia de reducir os ritmos capitalistas que nos esgotan, nos oprimen e entolecen..."
Benqueridiñas/os compañeiras/os
Como estades? Como están as vosas familias, a vosa xente máis
achegada e querida? Eu, polo de agora, con boa saúde, nunha situación
verdadeiramente de luxo, con finca e árbores ao redor, preto da terra e
con todo o preciso. Tamén está ben a miña xentiña máis próxima... Non
está sendo así, penosamente, para moita outra xente que está a pasar
momentos verdadeiramente difíciles, con perdas dolorosas de seres
queridos, de saúde, de traballo...
A verdade é que desde que comezou este confinamento forzoso estiven
con ganas de mandarvos unha apertiña, un “estamos aquí” a “familia” de
Terapia de Reencontro… Precisei toda esta semana para parar comigo,
escoitar todo iso que se move inevitablemente no adentro e acollelo con
comprensión e cariño, para recolocarme minimamente na serenidade e
na paz interior… Uf!!! Cantas sensacións no corpo! Cantas emocións e
pensamentos!
Toda esta situación, sen contalo -e queirámolo ou non-, meteunos a
todas/os nun gran labirinto. A vida, ás veces, colócanos en situacións
de crise que nos desorientan, nos xeran confusión e mesmo nos
desbordan por momentos, e esta pode ser unha delas. E nós sabemos
que para atravesar o labirinto, necesitamos acompañarnos buscándonos
aliadas/os (obradoiro Os cambios na vida…).
Entramos nun labirinto na dimensión social por como estamos
abordando, como sociedade, esta chamada “pandemia“ do coronavirus: a
cantidade de xente afectada e a falta de recursos sanitarios para atendela
(froito, en grande medida, do desmantelamento e privatización do sistema
sanitario público), o concepto de saúde e de enfermidade
hipermedicalizadas, o decreto de estado de alarma, a aparición
“normalizada” do exército e da súa linguaxe nas rúas e nos medios de
comunicación, a perda de miles de postos de traballo, a diminución de
ingresos, a alta mortalidade nos centros da terceira idade, a campaña dos
medios de comunicación provocando medo colectivo, os intereses
escuros das industrias farmacéuticas e da Organización Mundial da
Saúde condicionada por capitais privados…
Son moitos labirintos e, a un
tempo, un grande labirinto social para os países ricos do norte que vemos
mover ese chan aparentemente seguro no que pensabamos estar. As
situacións que se poden chegar a vivir en países do sur ou en campos de
refuxiadas/os poden ser dramáticas, e agora empezamos a caer na conta
desas outras múltiples “pandemias” que levan padecendo desde hai anos
coa indiferenza cómplice das nosas sociedades ricas: falta de recursos
básicos como a auga, fames endémicas, enfermidades como o évola…
Con todo isto, entramos tamén nun labirinto na dimensión relacional:
para algúns/has de nós, a reclusión forzosa nas nosas casas lévanos a
non poder manter relación e comunicación directa coa nosa xente, a non
poder valerlles a nais/pais maiores e soas, a desenvolver o tele-traballo, a
non poder reunirnos nas nosas asociacións e colectivos…Para outras/os,
a aceleración do ritmo de traballo e os riscos que corren estaos levando a
enfermar (persoal sanitario, profesionais da limpeza, transportistas,
traballadoras/es de supermercados…).
E entramos tamén nun labirinto no persoal, na dimensión interna:
aparece a incerteza e a inseguridade ante a situación, e tamén os
medos… Vívense situacións de perda e de dor... Déixanse ver pantasmas
antigas ao redor da enfermidade e da morte… Faltan apertas da xente
querida e maniféstanse sensacións de illamento e soidade… Xorde o
aburrimento, a inactividade, a impotencia, a sensación de perigo…
Cuestionamos certezas vitais, aparece o sen sentido…
Si, sen dúbida, para atravesar estes labirintos necesitamos
acompañarnos activamente: precisamos buscarnos aliadas/os e, sobre
todo, necesitamos colocarnos cada un/ha de nós como aliada de si
propia.
A xente estamos sendo moi intelixentes neste sentido: moi
espontaneamente estamos colocándonos como aliadas/os uns/has
para outras/os. Mantemos a comunicación entre nós con mensaxes,
chamadas e vídeos… Brindámonos a facerlle a compra á persoa maior
que temos pretiño… Agudizamos o sentido do humor polas redes
sociais… Aplaudimos cada día ás 20h para agradecer a implicación
das/os profesionais da saúde e así, a un tempo, sentímonos comunidade
de barrio… Saímos ao balcón a tocar instrumentos e cantar…
Asociacións e institucións diversas promoven iniciativas para atender
necesidades básicas… Empresas reorientan a súa produción fabricando
máscaras e outros produtos urxentes… Tanta humanidade! Está sendo
este un tempo magnífico para recuperar a nosa capacidade de coidar e
deixarnos coidar, e saborear o pracer dese dinamismo amoroso.
Unhas e outros estamos a descubrir e valorar aliadas/os que nos
pasaban desapercibidos e que agora identificamos, precisamente por non
telos nestes momentos, ou tamén por desfrutalos estes días
recoñecendo o luxo que iso supón: a sensación gustosa do aire e do sol
na cara, o agradable dun paseo polo eido, a oportunidade de tocar a
terra na horta e o agasallo dos seus produtos, o cálido espertar da
primavera cos seus mil e un rechouchíos, o pracer do deporte ao aire
libre, a importancia das rutinas diarias, o valor dos xantares compartidos
e das longas sobremesas en compaña, a bondade duns servizos públicos
ben articulados, a alegría do encontro coa xente amiga, o significado da
actividade laboral e a importancia das/os compañeiras/os de traballo…
Todo iso estamos a vivir nestes días… Por iso é tan importante que, unha
vez máis, nos coloquemos cada un/ha de nós de aliada/o de si
propia/o. O confinamento nas casas está sendo un momento propicio
para parar. Moitas/os estabamos desexando unha oportunidade para
facelo e, sen contalo, a vida ofrécenos esta “parada obrigada”. Non
sentimos a presión de “facer e facer”, mesmo parece que nos “deran
permiso” para deixar de facer!
É real que o coronavirus enferma e mata, un síntoma máis dun modelo
social que nos está a sacar saúde a todas/os. Pero o que nos pode
enfermar aínda máis é toda a situación creada a raíz do coronavirus.
Moito desta situación non está nas nosas mans, evidentemente; pero o
que si está nas nosas mans é como nos colocamos cadaquén ante a
situación para que todo isto non nos manque. Trátase de non enfermar
máis, de non repetir unha vez máis este macro-guión de vida colectivo,
social. Trátase de percorrer o labirinto para atopar o “tesouro”: atopar iso
que precisamos aprender para nós mesmas/os, para a nosa vida persoal,
para as nosas relacións, para nós como sociedade…
Do que se trata é
de saír desta situación con máis integración persoal, con relacións máis
equilibradas, con máis saúde colectiva e social. Trátase de emerxer
mellor reconectadas/os coa enerxía vital, coas demais persoas, coa terra,
co goce de vivir, coa Vida…
Este é un momento adecuado para parar. Para parar e escoitarnos. Para
parar e acompañarnos con delicadeza. Un tempo axeitado para parar e
practicar autocoidados: facendo un xantar saboroso, coloreando un
mandala, tocando ese instrumento esquecido, descubrindo unha nova
afección, lendo un libro ou escribindo un poema, escoitando música,
sachando na horta ou recreándonos en descansar, en non facer nada,
descubrindo e atravesando o aburrimento, abríndonos á creatividade...
Iso si, deixando a un lado as vellas culpabilidades e colocándonos no
botrato, no desfrute espontáneo e contaxioso, divertíndonos coa Vida.
Temos tempo á nosa disposición. Unha oportunidade única!
Pode ser un bo momento para recordar ferramentas da Terapia do
Reencontro: respirar acompañándonos, estiramentos taoístas,
autosensibilización corporal, auto-agasallos, respirar polos pés para
relaxarnos e durmir ben, bailar, coidar e deixarnos coidar, enraizamento,
respiracións completas, lugar de poder, familia afectiva, respirar polos
chakras, contrato de botrato, espazo persoal propio e compartido… Igual
nos apetece retomar os cadernos dos obradoiros ou contactar con
algunha compañeira de obradoiro que pode ser nestes momentos unha
boa aliada para o camiño… Igual é bo momento para ler ou reler algúns
dos libros de Fina Sanz…
Todo o que cada un/ha aprendamos estes días para nós mesmas/os, na
dimensión interna, vai transformar inevitablemente as nosas relacións
sandándoas, e vai repercutir na dimensión social humanizando o
planeta…
Compañeiras/os, en toda esta situación que estamos a vivir, de fondo
son os coidados os que están en xogo! Os coidados estiveron como
discurso central e reivindicación dos colectivos feministas este pasado 8
de marzo, e a sociedade está empezando a falar deles. Toda esta
situación está poñendo en tea de xuízo a lexitimidade do modelo social
neoliberal patriarcal baseado no maltrato e na violencia, un modelo que
xera enfermidades e coronavirus diversos.
A vida e a morte, tan pretiño de nós estes días a grande escada,
ábrennos a porta a mirar desde o corazón a colectivos vulnerables que xa
estaban aí: persoas sen teito da nosa contorna, velliñas/os sós/as,
mulleres en situación de maltrato no fogar, persoas con problemas
mentais ou necesidades especiais, mulleres e homes no cárcere, xente
que malvive en campos de refuxiadas/os… E decatámonos ademais de
que nós como sociedade e tamén calquera de nós, en calquera
momento, podemos chegar a ser vulnerables. Esta situación é un reto
persoal e colectivo a acoller a nosa vulnerabilidade e a aprender a vivir
desde ela.
Necesitamos revisar moitas prioridades actuais, tanto persoais como
colectivas. Como sociedade estamos a comprender a necesidade dun
sistema público de saúde, a importancia de redes locais de produción de
alimentos, a urxencia de reducir os ritmos capitalistas que nos esgotan,
nos oprimen e entolecen…
Toda esta situación -unha vez máis- está poñendo de relevo a
necesidade de colocar no centro os coidados e o coidado da Vida!
Estamos redimensionando moitos aspectos da nosa vida, decatándonos
do básico e do superfluo. Comprobando que podemos vivir sen consumir
tanto, que é posible reducir a contaminación no planeta… Cada vez
somos máis quen poñemos o noso desexo en termos tempo tranquilo
para estar coas nosas familias, para brincar coas nosas crianzas, para
atender á nosa xente, para desfrutar das nosas amizades, para coidar
dos nosos animais e das nosas plantas… Tempo de vagar para o lecer…
Tempo para a participación activa nos colectivos… Tempo para facer o
amor lentamente… Tempo para o cultivo da espiritualidade… Tempo para
perder o tempo polos sendeiros, desfrutando da natureza… Tempo para
nós mesmas/os, sen présas… Desde o sosego e a quietude. Desde esa
paz interior e esa harmonía que sabemos aí, no noso adentro, e arelamos
con nostalxia.
Obrigáronnos a parar e posiblemente todas/os nós e o planeta
precisabamos desta parada.
Cando todo isto pase, necesitaremos de seguro seguir parando.
Precisaremos moita escoita persoal, moita conversa entre nós, moita
análise colectiva para dixerir, pechar, medrar, cambiar...
E tamén precisaremos moita reflexión desde nós mulleres, desde o
feminismo. Para analizar desde nós o que sucedeu e vivimos. Para
comprender que estivo en xogo. Para seguir tecendo redes. Para seguir
tendo impulso transformador e continuar apostando con intelixencia por
un modelo económico-social alternativo a este sistema que se esfarela,
un modelo que asegure o coidado da Vida, un modelo que cada día se
está a facer máis necesario e urxente.
Ben, pois graciñas compañeiras/os por escoitar a miña palabra… Está
escrita desde o corazón e co desexo de seguir “enredándonos”: de seguir
facendo rede de apoio entre nós, de sentirnos nunha alianza fonda de
soños compartidos de botrato para as nosas vidas e a de todo o planeta.
Apertiñas sandadoras e brincadeiras.
Tareixa Ledo Regal
Pontecaldelas, 26 de marzo do 2020
Concello
Chantada
Saber máis