Cobertores de Emocións que abrigaron a noite cultural en Sabadelle

Chantada
11 Xuño 2019
Cultura
Redacción | 11 de xuño de 2019
O Pazo de Sabadelle abriu as súas portas coa súa tradicional foliada das artes  para inaugurar a mostra 'Cobertores de Emocións. Pan e Chocolate'. Nun concorrido evento de poetas, músicos e músicas, produtos da terra e moitas gañas de facer comunidade deuse comezo á exposición de Beatriz Palomero, Miguel Anxo Macía e Moxom que permanecerá no pacio deica finais de outubro.
O Pazo de Sabadelle, casa de labranza como gosta de chamala o seu propietario Xosé Figueroa Lorenzana, é dende hai uns oito anos acubillo dun acto cultural case revolucionario nos tempos que corren para o rural. Aí pola noitiña, sempre un sábado de primavera, o pacio desta aldea chantadina cólmase doutras luces, de voces e de sons que marcan o inicio dun evento expositivo que se prolonga durante todo o verán. Artes plásticas que renovan cada tempada a 'decoración' dunhas paredes e estancias lonxevas aparentemente intactas dende aqueloutra vida; artes das que fan danzar ou das que están feitas de versos; artes das que saben a mencía, a leite ou a castaña... ou a pan e chocolate... En definitiva Cobertores de Emocións que un ano máis abrigaron as ansias de amosar ese rural vivo e activo que queremos.
Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis