Confrontar a Ribeira Sacra I: San Paio de Abeleda.

Castro Caldelas
28 Maio 2019
Patrimonio
Redacción | 28 de maio de 2019
O que significa para a veciñanza o mosteiro de San Paio de Abeleda só o sabe quen o habitou e o habita dende a memoria íntima e a vivencia comunitaria. Pero ás veces cómpre unha mirada foránea que dialogue con ela e que a  conecte co que sucede noutros territorios. Hai xa preto de tres anos  Airoá Comunicación (e varios colaboradores como Chantada Comunicación) impulsou a súa primeira residencia documental Confrontar a Ribeira Sacra. Nesta ocasión convidou ao cineasta rural portugués Gonçalo Mota e á húngara Miren Gurutze a explorar o territorio para poñer en tensión algunha cuestión clave. O e a cineasta repararon nesta ruína arquitectónica situada en Castro Caldelas. Contaron coa ollada máis próxima, a de Victoria Fernández, que cada mañá dende a fiestra a contempla con saudade. San Paio de Abeleda é a primeira peza documental da serie Confrontar a Ribeira Sacra que estreamos nesta Canle. 
Hai xa preto de tres anos a residencia documental Confrontar a Ribeira Sacra, impulsada por Airoá Comunicacón e varios colaboradores como Chantada Comunicación S.L. traían a este noso territorio aos ‘cineastas rurais’ Gonçalo Mota e Miren Gurutze. Esta acción pretende buscar novas olladas sobre aspectos relacionados coa paisaxe, o patrimonio ou aspectos socioeconómicos da zona. Entre a antropoloxía e o cinema esta parella de creadores prepararon varias pezas documentais dentro desta visita. A primeira delas fixou o interese precisamente na ruina e esquecemento que polo verán de 2016 acaecía en San Paio e o seu contorno, como exemplo que se repite de xeito incesante en boa parte do patrimonio que nos identifica. Todo este tempo despois, estreamos na Canle Ribeira Sacra o primeiro documental da serie de residencias documentais ‘Confrontar a Ribeira Sacra’ que amosa o amor do pobo pola súa historia, polo seu pasado e polos espazos de encontro. Faise aquí na visita guiada que os artistas fixeron ao mosteiro da man dunha veciña, Victoria Fernádnez, das que saben poñer en valor o propio e ademais o reivindican. Fala da Ribeira Sacra, do fermoso dela e tamén do feo e descoidado.

Un proxecto privado vencellado ao turismo e os produtos de calidade, pero tamén para a dinamización cultural, está a avanzar os primeiros pasos da súa recuperación e rehabilitación nestes momentos e hai moitas expectativas postas na nova vida que lle agarda a igrexa e mosteiro de San Paio de Abeleda. Colectivos de defensa do patrimonio e publicacións especializadas teñen denunciado durante décadas o estado de abandono desta xoia monacal na lista vermella, que comeza a súa conta atrás para relucir de novo, aínda que sexa por impulso particular, coa cesión do bispado de Ourense.

Máis información sobre as residencias documentais de Airoá Comunicación en: 


http://airoa.gal/residencia-1-goncalo-mota-miren-gurutze/

http://airoa.gal/residencia-documental-confrontar-a-ribeira-sacra/

Concello