Convenio para a promoción turística da Ribeira Sacra

O delegado
territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que os fondos van
destinados ás iniciativas do Xeodestino encamiñadas a consolidar a oferta
vencellada á viticultura e á natureza, así como o turismo familiar.
A través deste
acordo asúmense os custos de reedición de soportes impresos; campañas e accións
estratéxicas en redes sociais, medios especializados e eventos; catálogos de
produtos; ampliación do banco de imaxes e a produción dun vídeo promocional en
formato Storytelling, ademais doutras accións de difusión e comercialización.
Tamén está incluído o primeiro Festival de Patrimonio Os Peares.
A Axencia de
Turismo de Galicia asume o 80% do orzamento que contempla o convenio e o
Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra inviste 10.000 euros ata completar os
60.000 previstos.
Arias sinalou que
este acordo dálles continuidade aos convenios que o Goberno galego subscribe
con regularidade cos xestores dos diferentes xeodestinos constituídos en
Galicia “co fin de que cada zona consolide unha oferta especializada en torno
ás súas singularidades e riquezas”.
O delegado tamén
quixo poñer o foco na ”sustentabilidade do modelo de turismo galego, que cobra
especial importancia en territorios como a Ribeira Sacra” e que “está a
consolidarse como un auténtico referente en turismo de interior”. Nese sentido,
lembrou ademais que esta zona beneficiouse dun dos dous Plans de Sostibilidade
aprobados polo Estado o ano pasado -xunto co de Santiago de Compostela-,
cofinanciado polo Goberno galego con 850.000 euros.
