Presentan unha app turística da Ribeira Sacra

Monforte de Lemos
16 Xuño 2021
Turismo
Redacción | 16 de maio de 2021
A APP Turisgalicia Ribeira Sacra va ser unha guía dixital que permite un acceso rápido e sinxelo a información útil e actualizada sobre os recursos patrimoniais, hostalería, hospedaxe, rutas, actividades e eventos da comarca. Está impulsada principalmente pola Deputación de Lugo e foi presentada este mércores en Monforte, na Praza da Compañía.

Trátase dunha ferramenta para a promoción turística da Ribeira Sacra, especialmente pensada para a recuperación da actividade económica no turismo, a hostalería e co comercio local.

Contén unha guía de ocio actualizada, unha selección de experiencias de turismo, deportes e ocio, lugares de interese, unha oficina virtual de turismo, un apartado específico sobre o Camiño de Santiago con todos os recursos para o peregrino, unha relación de adegas, rutas e outra relación de centenares de empresas o que axudará á promoción do comercio local.

A aplicación para dispositivos móbiles Turisgalicia Ribeira Sacra Os contidos da APP actualizaranse diariamente con novos eventos culturais e información dos concellos da Ribeira Sacra. Incorpora tamén un sistema de xeolocalización que permitirá coñecer de xeito instantáneo os recursos turísticos máis próximos e como chegar a eles. A APP Turisgalicia ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños e veciñas, xa que integra un apartado de información municipal. Está dispoñible en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e Apple.

Nesta APP, os usuarios e usuarias poden encontrar, de forma sinxela, lugares, monumentos, rutas, paisaxes da Ribeira Sacra para visitar, pero tamén para aloxarse e para comer, o que repercutirá de xeito directo na súa actividade”.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca remarcou que o apoio da Deputación de Lugo á aplicación Turisgalicia Ribeira Sacra “tamén ten que ver coa nosa aposta por seguir consolidando un modelo de turismo sostible, de calidade, sen masificacións, ao aire libre, que promove un fluxo de visitantes ao longo de todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego no rural”. Un tipo de turismo que, segundo o Presidente, “está en auxe no escenario de saída da pandemia e polo que levamos moito tempo traballando na Ribeira Sacra e na provincia”.

O mandatario provincial remarcou a necesidade ter a oferta turística nas redes sociais. “É imprescindible levar as nosas paisaxes e monumentos á pantalla do móbil e facer accesible a información nos medios que hoxe emprega a maior parte da poboación, sobre todo a xente nova”, apuntou Tomé.

 

Xunto ao Presidente, no acto de presentación da APP participaron a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, alcaldes e representantes municipais dos concellos da Ribeira Sacra, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e Alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, ademais de Antía Vázquez Gómez, representante de Turisgalicia.

En concreto, asistiron os alcaldes de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela; de Pantón, José Luis Álvarez; da Pobra de Brollón, José Luis Maceda; de Taboada, Ramiro Moure; a Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada; e o Concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera.

Difusión e promoción da APP

Para dar a coñecer a APP Turisgalicia Ribeira Sacra, divulgarase en canles dixitais, redes sociais e internet e distribuirase información sobre ela cun código QR en hoteis, restaurantes e oficinas de turismo dos concellos da comarca. Tamén haberá folletos informativos en albergues ao longo de todo o Camiño de Inverno, que abrangue  máis de 200 quilómetros, dende Ponferrada ata Santiago. Difundirase en medios de comunicación, estará visible en vallas publicitarias da Ribeira Sacra e presentarase en feiras e encontros de turismo

Concello