Servizos municipais e acción cidadá para servir ás persoas maiores no domicilio

Ribeira Sacra
18 Marzo 2020
Social
Redacción | 18 de marzo de 2020
A importancia do público ponse de manifesto máis ca nunca durante a emerxencia sanitaria do coronavirus. Na Galicia interior e no rural a realidade sociodemográfica e a dispersión fan necesaria unha atención a un dos colectivos máis vulnerables e maioritario, o das persoas maiores. As administracións locais, os servizos sociais, a Protección Civil e os colectivos de axuda e veciñanza arriman o ombreiro máis ca nunca para achegar alimentos e medicamentos co fin de que as/os maiores non saian da casa neste tempo.
A situación de estado de alerta decretada e a orde de confinamento ditada pola crise do coronavirus levou as administracións locais a paralizar boa parte do seu funcionamento normal. A maioría dos concellos na Ribeira Sacra están a prestar servizos mínimos nesta conxuntura e moitos traballadores están tamén nos seus fogares como medida preventiva. Algúns outros optan por manter o seu habitual traballo na medida do posible, incrementado en moitas áreas como a dos servizos sociais, pero todos recomendan que a veciñanza non acuda presencialmente ás dependencias de non ser estritamente necesario.

A realidade sociodemográfica e xeográfica no interior galego fai que o envellecemento e a dispersión poboacional sexan agora máis que nunca un problema engadido. Pero tanto esas administracións máis próximas, que son os concellos, como algunhas entidades non gubernamentais e incluso colectivos como o estudantado ou asociacións xuvenís están a cargar as baterías para tender unha man aos maiores e aos solitarios e solitarias nos cascos urbanos e nas aldeas. A cantidade de persoas que pasan este confinamento soas ou dificilmente comunicadas é incontable, e os/as maiores que non reciben  xa a inestimable axuda dos veciños e das veciñas ou xa forman parte dos programas de atención dos servizos sociais e das leis de dependencia, teñen estes días algunhas axudas especias dende o sector público. Tamén dende esas accións solidarias oragnizadas que xorden para axudar a que non teñan que saír da casa facer os mandados imprescindibles. Trátase de poboación máis vulnerable á que cómpre protexer, máis se cabe neste días de escaseza sanitaria e bonanza en cuestión de tempo libre da sociedade. O obxectivo é que non saian da casa mentres dure a emerxencia sanitaria.

O propio persoal de servizos sociais, os traballadores e voluntarios/as de Protección Civil e outro persoal laboral no caso de varios concellos están a traballar para levar comida a domicilio, facer a compra nos supermercados para estas persoas maiores ou cubrir algunhas necesidades básicas. O concello de Sober foi o primeiro nesta zona en anunciar publicamente esta prestación de balde que debe solicitarse previo contacto. Este tipo de servizo especial tamén se puxo en marcha deseguido en Chantada e Taboada e tamén é unha realidade en Pantón, A Peroxa, a Pobra do Brollón, Castro Caldelas e Nogueira de Ramuín, así como noutros municipios da Ribeira Sacra como O Saviñao e Carballedo, que mantñén a atención a través dos Servizos sociais que cubren a atención a persoas nestas situacións. Paralelamente, organismos como a Deputación de Lugo anunciaron o reforzo do servizo de comunicación aos usuarios de teleasistencia repartidos pola provincia.

Noutra orde, e tan só por nomear algunhas, coa intención de completar este artigo en función da comunicación que recibamos, existen accións similares a cargo de entidades como a Cruz Vermella, que está a levar a cabo un reforzo dos seus servizos de asistencia neste territorio. Cabe destacar ao mesmo tempo a labor que están a facer en Monforte de Lemos en colaboración coa asociación xuvenil e cultural Náufragos do Paradiso coa que crearon na localidade do Cabe un grupo de voluntariado horizontal para o mesmo cometido de prestar axuda 'sen tocar as mans' dirixido a persoas que precisen algo dende o seu domicilio. Ademais, través dunha estudante chantadina sabemos que sindicatos estudantís como  Anega está a moverse dentro da Rede de Apoio Covid_19 á que poden unirse as persoas que poidan prestar ou demanden axuda.



A continuación algúns teléfonos para poñerse en contacto e solicitar estes servizos:



SOBER: 982 460 001 e 982 460 513

 A POBRA DO BROLLÓN: 650 624 828 

CHANTADA: 982 462 299

TABOADA: 982 465 301

PANTÓN: 982 456 561/ 607 042 077

A PEROXA: 629 802 275 / 649 693 642

CASTRO CALDELAS: 988 203 000

NOGUEIRA DE RAMUÍN: 988 201 023 / 988 201 122 / 606 382 831

MONFORTE DE LEMOS. CRUZ VERMELLA: 982 402 549

CONCELLO O SAVIÑAO : 982 452 061

CONCELLO DE CARBALLEDO:  982 466 201( Consultar cos Servizos Sociais)
Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra