Falece o pintor e arquitecto Manuel Jorge deixando un gran legado en Chantada

Chantada
25 Maio 2020
Cultura
Redacción | 25 de maio de 2020
O artista e arquitecto Manuel Jorge faleceu en Xábia aos 91 aos de idade deixando un importante legado para Chantada, a Ribeira Sacra e Galicia. O chantadino revolucionou a arquitectura na Marina Alta alicantina, onde residía. A súa pintura mantiña un espírito galego, e será conservada na súa vila natal, dende onde traballa a Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, receptora do legado do artista. A entrevista do vídeo foi realizada por Alba Sánchez e Cristina de la Torre en 2015.
Manuel Jorge faleceu o domingo 24 de maio de 2020 na súa casa de Xàbia, na Marina Alta alacantina, acompañado de familiares e amigos. O artista e arquitecto chantadino, de 91 anos, atopábase convalecente dunha rotura de cadeira e non superou as complicacións de saúde derivadas da súa recuperación. O artista será despedido nun acto íntimo en Xàbia e  posteriormente, cando o permitan as circunstancias, en Chantada, como era o seu desexo.

Nacido en 1929 en Chantada, Manuel Jorge, desenvolveu a súa traxectoria como arquitecto moi vencellado ao Mediterráneo, especialmente a Xàbia, onde se instalou en 1963 coa súa parella, a pintora finesa Christina Snellman. Nesta vila da Marina Alta alacantina o legado de Manuel Jorge son as máis de cen vivendas que construiu durante décadas, revolucionando a arquitectura da zona dende a raíz, potenciando o estilo mediterráneo e o respecto polo contorno.

 

O LEGADO ARTÍSTICO SERÁ CONSERVADO EN CHANTADA

Como pintor, Manuel Jorge deixa tamén un importante legado con máis de dúas mil obra. Neste caso ese legado viaxará a Chantada, onde hai catro anos se creou a Asociación de Amigos de Manuel Jorge para organizar a primeira retrospectiva da súa obra en Galicia. Dous anos máis tarde, no 2018, foi a Deputación de Lugo a que colaborou na organización doutra mostra retrospectiva facilitando o traslado a Galicia de boa parte dos seus cadros, que xa quedaron en Chantada, e aos que pronto se sumará o resto da súa obra, xa que o autor decidiu que se conserve e expoña na súa terra natal.

Manuel Jorge foi un pintor prolífico que nunca vendeu os seus cadros. O seu soño, tras recuperar o contacto coa súa vila natal, era crear un centro de arte de Chantada que permita conservar a súa obra e dinamizar a cultura e creación artística na Ribeira Sacra. Ese obxectivo é tamén o da Asociación Amigos de Manuel Jorge, que recolle este reto coa tristura de ter que despedirse do autor, pero co ánimo de que o seu legado sirva para incentivar as artes dende o interior de Galicia.

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, como despositaria herdeira de todo ese legado, iniciará a partires de agora os trámites para a creación dun centro de arte na vila na que se poda conservar e difundir ese legado e, ao mesmo tempo, servir de promotor das artes. Así, daralle continuidade a iniciativas como o Concurso de Fotografía Christina Snellman, que terá unha nova edición a partires do outono de 2020.

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis