Hai Plan de Sustentabilidade Turística para a Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
30 Setembro 2020
Turismo
Redacción | 30 de setembro de 2020
A candidatura de Ribeira Sacra entrará Plan de Impulso ao Sector Turístico Post COVID-19. Foi unha das 25 propostas aprobadas entre as 154 presentadas ao Programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino do Ministerio de Industria. Dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra valorase como outra dose de ilusión para o desenvolvemento do territorio. Neste territorio investiranse arredor de 3 millóns liña dos destinos rurais co fin de poñer en valor recursos como o patrimonio cultural ou medioambiental.
A candidatura de Ribeira Sacra é unha das 25 aceptadas entre as 154 presentadas ao Programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, dentro do Plan de Impulso ao Sector Turístico Post COVID-19.
A noticia chegaba este mércores despois de que as devanditas axudas foran ratificadas hai unhas horas na reunión da Sectorial de Turismo presidida pola ministra, Reyes Maroto. A decisión foi trasladada ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, novo titular da Consellería de Turismo.

Dende o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra valorase este apoio como outra dose de ilusión para o desenvolvemento do territorio. Apuntan que a partir de agora, e para que isto sexa un verdadeiro empurre e unha realidade que repercuta no territorio acadando os obxectivos marcados no plan e na propia convocatoria, é necesaria “ a implicación de cada un dos axentes do sector”. O seguinte paso será a sinatura dun convenio a tres bandas entre os concellos, o Goberno Central e a Xunta de Galicia. Serán estas tres patas as encargadas da financiación dos proxectos que se han executar ao longo de tres anos.

O Plan dedica 58,8 millóns a estes 25 destinos entre os que está a Ribeira Sacra co fin de modernizar a oferta ou activala en comarcas da España interior. O Ministerio desembolsará 22,37 millóns en todo o Estado e o resto será asumido polas comunidades e os municipios. Na Ribeira Sacra investiranse arredor de 3 millóns e sitúase na liña  dos destinos rurais ou de interior que ten por obxectivo poñer en valor recursos como o patrimonio cultural ou medioambiental. Esta estratexia está pensada tamén para afrontar o reto demográfico a través do desenvolvemento do turismo. Será mediante a recepción de visitantes con capacidade de gasto e cun tipo de turismo que non sexa lesivo para o medio.

A Xunta propuxera ao Goberno Central un total de catro plans dos que foi aprobado outro para de Santiago de Compostela e enfocado a renovar a oferta e mellorar a percepción dos residentes nun destino maduro e pioneiro con sobrecarga urbanística e ambiental. Quedaron fóra outros dous: Ourense Termal –relativo a distintos concellos da provincia ourensá- e A Mariña Lucense.

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra