II Andaina ‘Entre carballos centenarios’ polo uso da lingua galega
A veciñanza de Carballedo botou a andar a prol do uso do galego no ámbito deportivo e lúdico. Foi na II Andaina Entre Carballos centenarios organizada polo departamento de Normalización Lingüística do Concello. A proposta serviu tamén para fixar unha ollada pausada ós recursos naturais do municipio.
A II Andaina ‘Entre carballos centenarios’ reuniu á veciñanza da comarca o domingo 16 de setembro en Carballedo. A ruta botou a andar dende A Barrela a primeira hora da mañá co motor de coñecer e reivindicar a riqueza natural do municipio e promover o uso normal da lingua galega no ámbito lúdico e deportivo.Paso a paso o departamento de Normalización lingüística do Concello logrou repetir unha experiencia agradable e aglutinadora ó tempo que interxeracional. As persoas máis novas e a xente entrada en idade debuxaron xuntos un camiño que percorreu zonas coma as localidades de Lousada e Sampaio para asomarse a parte da ruta do Río Fondós e da aldea de Milleirós antes de regresar á capitalidade municipal pola Ermida e o Barrio. Un paseíño de 10 quilómetros de saúde e convivencia que remataron na Praza do Concello de Carballedo cun aperitivo dominical que pechaba unha ollada calma ao contorno máis próximo.