Luarada, volve ao cinema a negra historia de Romasanta, dende Esgos

Esgos
24 Setembro 2020
Cultura
Redacción| 24 de setembro de 2020
A Ribeira Sacra ten tamén a súa historia escura, realidades rodeadas de lenda que son poderosas historias que aínda se falan no rural ourensán. Unha das máis coñecidas pervive en Esgos e é a de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como “o lobisome”, o “sacamantecas”; un asasino en serie, que para moitas persoas é considerado un dos maiores criminais en serie da historia documentada de España. Así o quere achegar Luarada, o filme dirixido polo ourensán Óscar Doviso, que terá un adianto esta fin de semana no OUFF.
A Ribeira Sacra ten tamén a súa historia escura, realidades rodeadas de lenda que son poderosas historias que aínda se falan no rural ourensán, con moitas incógnitas por resolver e con moitos documentos que as acreditan. Unha das máis coñecidas pervive na zona de Esgos e é a de Manuel Blanco Romasanta, coñecido noutros lugares, dentro e fóra de Galicia, como “o lobisome”, o “sacamantecas”; un asasino en serie, que para moitas persoas é considerado un dos maiores criminais en serie da historia documentada de España.

Así o quere achegar Luarada, o filme dirixido polo ourensán Óscar Doviso cuxa primeira fase se rodou durante a primeira quincena de marzo no municipio de Esgos.

Esta nova versión da atraente historia estreará o seu avance precisamente esta fin de semana na 25ª edición do OUFF, o festival de cinema de Ourense. Exhibirase como peza de clausura deste certame esta fin de semana unha montaxe da mediometraxe que servirá como avance da película. Doviso sinala que esta peza fílmica en proceso estará “ ateigada de respostas e sorpresas visuais e argumentais”.

O filme contará a historia dende que Romasanta fuxe de León e regresa a Galicia, en 1844, ata que é apresado na localidade de Nombela (Toledo), en 1852. A trama non desbota o relato da xuventude do protagonista, fundamental na construcción do carácter deste personaxe “ que se aproveitaba da xente confiada, vítimas a quen prometía unha vida mellor na cidade, e que en moitas ocasións desaparecían por sempre sen deixar rastro”, apunta o cineasta.

A figura de Romansanta está presente, con máis ou menos tabús, no imaxinario rural desta zona da Ribeira Sacra ourensá e forma parte do relato histórico que se vai trasladando  xeración tras xeración. Sen ir máis lonxe, as nenas e nenos de Esgos, con quen realizamos hai uns meses o obradoiro audiovisual #ConectandoTerritorio, dende Airoá Comunicación e a Canle Ribeira Sacra coa colaboración da Deputación de Ourense, son capaces de relatar o que escoitaron deste seu veciño ancestro e de sorprenderse cos sucesos que aínda vibran no seu territorio. Contos de medo que non son conto:

https://youtu.be/kWbjLdhJKnA

En Luarada o actor que interpreta a Romasanta é Marcos Vázquez, cuxa semellanza física cos retratos que se coñecen do terrorífico protagonista “ asombra”, apuntou o director do filme. No reparto está acompañado de Helen Bertels e Patxi Bisquert xunto con actores locais como Héctor Martínez, José Manuel Mao, Candela López ou Lucía Rodríguez.

A equipa está integrada tamén polo director de fotografía Adrián González, o engargado do vestiario de Carlos Rodríguez, a dirección artística de Ángel Amaro e a música de Álvaro Iglesias e Tor.

O adianto da mediametraxe no OUFF será un valioso xeito de promocionar este proxecto, tal e como quixo valorar o director Óscar Doviso, para “amosar parte do proceso creativo e artístico co que se está a traballar á espera de continuar e conseguir convertelo nunha longametraxe duns 135 minutos”.

Aquí vos deixamos o primeiro teaser de Luarada:

https://youtu.be/eeAbkOKXCbs

 

Concello