Mapa político da Ribeira Sacra despois das eleccións municipais do 26 de maio

Ribeira Sacra
27 Maio 2019
Política
Redacción | 27 de maio de 2019
Preto de 41.200 electores e electoras redebuxaron o mapa político municipal da Ribeira Sacra este 26 de maio. A nova fotografía reflicte pouca mudanza no que se refire á cor do goberno en cada concello e contémplanse cambios de siglas en tan so catro dos concellos, dun total de 24 que a Canle Ribeira Sacra contabiliza neste territorio.
O Partido Popular gobernará presumiblemente en 16 concellos: Bóveda, Carballedo, Chantada, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, O Saviñao, Sober, Taboada A Peroxa, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo. Mantéñense en 15 deles e ascenden ao mandato noutro. Pero esta vitoria do PP en Chantada trae consigo unha novidade relativa, xa que a candidatura popular está integrada pola práctica totalidade dos e das edís que xa gobernaban baixo as siglas de INTA no anterior mandato.

O PP tamén é a forza máis votada na Pobra de Trives, pero non acadan a maioría absoluta, e está por ver a formación de goberno.

O PSdG é a segunda forza con máis representación no total dos concellos lucenses e ourensáns da Ribeira Sacra e todo apunta que gobernarán en solitario como primeira forza nun total de catro municipios onde, ademais, reeditan goberno: Monforte de Lemos, Parada de Sil, Ribas de Sil e Castro Caldelas.

En dous municipios máis, Manzaneda e Trives, os e as socialistas poderían conformar goberno coas mareas locais; no primeiro caso son tamén a forza máis votada con 3 concelleiros/as e poderían pactar con Son de Manzaneda, que perde a maioría que ostentaba no goberno. No segundo- Trives- reaparecen despois de varios mandatos, con catro concelleiros/as aos que poderían sumarse dous de Son de Trives.

Onde tamén hai continuidade, pero noutras cores, é no concello da Pobra do Brollón, onde o BNG aumenta a confianza e a maioría. Cores distintas en san Xoán de Río tamén, onde irrompe a formación RÍO con catro concelleiros/as que lle son maioría absoluta e supoñen a caída do PSdeG do goberno. 

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra