No noveno centenario da construción do Priorado de Pesqueiras IV. Pintura Renacentista: Anunciación

Chantada
21 Outubro 2020
Patrimonio
NO NOVENO CENTENARIO DA CONSTRUCIÓN DO PRIORADO DE PESQUEIRAS. MCXX-MMXX (IV)
PINTURAS RENACENTISTAS: ANUNCIACIÓN

Por Xosé Lois García
Debaixo do pantocrátor está a fiestra central do presbiterio pola que a luz de alba penetra no templo e que ben a conxugar outro dos símbolos reiterados na Biblia como é a luz e nos textos místicos medievais, tan particular e personalizada no Ego sum lux mundi, lema usual nos pantocrátores que responde ao que di Xesús no Evanxeo de Xoán 8, 12: “Xesús faloulles outra vez: -Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida”... A luz protectora que era entendida como de xustiza e salvación. 

Esta fiestra introductora de luz, a seus ambos lados represéntase unha escena de gran calado para a humanidade cristiá e que os mestres do Renacemento ordenaron e espallaron un tema tan transcendental como é a anunciación do Fillo de Deus. Na parte dereita do Pai Eterno (á nosa esquerda) vemos ao arcanxo Gabriel con súas ás despregadas, coa mao dereita en acción de bendicir, e na esquerda exhibe un cetro no que se desprega unha fita alusiva á mensaxe divina. Está vestido de saial branco e manto vermello, a mesma indumentaria que leva o Pai Eterno, como atributo divino. Gabriel está en movemento, tal como expresan os seus cabelos alporizados, e a acción de seus pés que entran nun apousento con mosaicos cruciformes, unha expresión habitual dos espazos reais e nobres, que asiduamente aparecen na pintura renacentista.

Neste formato, podemos apreciar que o mestre de Pesqueiras como bo renacentista, dentro do contexto manierista, domina o debuxo, cuxas pinceladas e trazos están sometidos a esa precisión de liñas tan marcantes, nesa previa dibuxística o pintor puido crear esa beleza de liñas e movementos de delicado destaque nas ás e nos pregues do atavío. 
Esa combinación do branco e do vermello harmoniza ese espazo tan emotivo e solitario que representa unha acción tan conmovedora como a que se representa na escena da anunciación, que o evanxelista Lucas nos describe puntualmente e é o único evanxelista que personifica o nome do arcanxo Gabriel, que quere dicir: “Deus é forte”. Mesmo o que tiña como misión emitir mensaxes ou mandar aos anxos supeditados baixo seu poder. Gabriel é citado en moi puntuais misións como no trance que pasaba o profeta Daniel que se cita nos capítulos 8, 16 e 9, 21. Outras dúas en Lucas 1, 19 que transmite a mensaxe a Zacarías e a María, que atopamos no seguinte texto que nos ocupa: “Ós seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María” (Lucas 1, 26-27). 

Nesta conversa María lle responde: “¿ E como pode ser isto, pois eu son virxe?” Lucas enfatiza o de virxe, por ser un don sumamente prezado na tradición xudea e tan evocado no Antigo Testamento. Neste texto da anunciación, Lucas estanos levando ao anunciado mesiánico que o profeta Isaías 7, 14, di: “Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Deus-connosco”.
Este texto de Lucas abriu múltiples escenarios ao mundo da arte sacra ao converter a anunciación nun tema moi diversificado e interpretado por pintores e escultores. A pintura renacentista ofrece toda unha gama de peculiaridades moi interesantes desde o temario místico, mítico, cultural e social. A anunciación, polo feito relevante de anunciar o nacemento do Salvador do mundo, tivo unha enorme repercusión na iconografía cristiá desde os tempos das catacumbas.

O relato que nos ofrece o mestre de Pesqueiras, na segunda cartela á esquerda do Pai Eterno e da fiestra central, á nosa dereita, está a imaxe da Virxe María recollida, en pose estática e orante que contrasta coa movemento estridente do arcanxo Gabriel. María recibe a noticia de que vai concibir o Fillo de Deus, dunha maneira serena e axeonllada coas maos en pose de oración ante un fermoso atril con suculentos detalles escultóricos naturalistas, tipificados nos releves da época. Sobre o mesmo está un libro, posiblemente o mestre de Pesqueiras lle leve a estes detalles un libro de horas da época, tan presente na lectura das grandes damas da realeza e nobreza da época. 
Tanto os vestidos como a decoración dese espazo íntimo de oración, mantén esa suntuosidade con finos lenzos e sedas da época. O seu saial é de cor vermella, o velo e o longo manto de cor branco, mentres que os do Pai Eterno e do arcanxo Gabriel levan seu saial e manto en contraste co de María. Neste caso, o branco ven a dignificar a pureza virxinal e converterse en apoloxía e reclamo pedagóxico de imitar a estas particularidades de honra e santidade de María.
Este apousento imita a unha arrogante e suntuosa cámara rexia. A época da Contrarreforma está aí con toda a súa pompa e esplendor, personalizando grandeza e arrogancia. O mestre de Pesqueiras non ignoraba o rol imposto pola Igrexa da súa época e que el ben a compor ese modelo de grandes elocuencias visuais. Neste sentido, non en van a estructura desta cámara ou oratorio sobresaen os matices brancos no manto de María, nas cortinas que separan o oratorio da alcoba, na que podemos observar o leito revestido con colcha vermella. Entre o oratorio e a alcoba un pequeno moble e un floreiro con decoración naturalista e semellante ao atril. No floreiro hai dez lirios brancos ou flor de lis. Neste decálogo de brancos lirios unificase a luz, a pureza e a virxindade, os tres atributos que corresponde aos tres pétalos que se exhibe no formato do lirio. 
O cristianismo adoptou a antiga interpretación tan coñecida en Cantar dos Cantares 2, 2: “Coma o lirio entre os toxos tal é a miña amada entre as rapazas”. Que foi atribuído á pureza e virxindade de María e, tamén, prototipo das persecucións da Igrexa na época das catacumbas. No que respecta a María, neste mural de Pesqueiras, os lirios que a guarnecen polas súas costas, simbolizan a protección da maternidade virxinal. Neste caso da anunciación é moi usual na pintura renacentista, e non só, encontrar a presencia do lirio de diversas maneiras, contemplándoo a Virxe ou erguido na mao do arcanxo Gabriel. Símbolo, tamén, da fertilidade e representación da árbore da vida (arbor vitae), como aparece en moitos dos escritos. Esa árbore da vida está ben representada na escultura románica da anunciación da igrexa de San Xoán de Portomarín, que está no centro do tímpano entre María e Gabriel. O lirio para moitos dos tratadistas e teólogos medievais, como S. Bernardo, simboliza a Grande Mai, ou Mai Divina, e, tamén a persoalización da Trindade. 

Rematada esta visualización antropomorfa, vexamos os distintos decorados que rodean a estas dúas figuras da Anunciación, en formatos xeométricos e naturalistas que teñen un caracter ornamental. Aquí podemos ver a capacidade do mestre de Pesqueiras tan integrado nos canons renacentistas da escola florentina e romana, tan espallada na península Ibérica. 
Nun deses soberbios decorados en forma de coroa con ramalletes en toda a súa circunferencia, chámanos a atención o busto dunha muller, con suntuoso gorro branco tocado por unha capa vermella e gargantilla branca, estas cores están revelando a súa dignidade e poder dentro do mundo civil ou eclesiástico da época. Como podemos ver a moitos dos persoeiros da familia dos Médici e dos Farnesio que foron postos neses murais e cadros ben individualizados por grandes pintores renacentistas italianos. Este medallón faime pensar que esta persoa ten un carácter nobre e puido ser a que costeou as pinturas e quixo perpetuar a súa figura nun lugar insólito e só reservado para figuras de santoral. 
Nestes decorados do presbiterio predomina a simetría naturalista en formatos de espirais. Chámanos a atención un formato duplo romboidal que no seu interior presenta catro flores de lis, con seus respectivos tres pétalos suman doce, representación dos doce apóstolos e do templo cíclico dos doce meses, dos que xa falamos anteriormente.

Outros elementos decorativos con cabeza de mamífero e corpo vexetal amplían a idiosincrasia identitaria do esplendor desa escola manierista que predominou na arte sacra de Galiza, e na que o mestre de Pesqueiras foi un gran coñecedor do estilo clásico e renacentista, pola súa inversión de elementos e códigos que xeran un gran atractivo nos murais de Santa María de Pesqueiras.

  © Texto e fotografías: Xosé Lois García, do libro: “As Pinturas Renacentistas de Santa María de Pesqueiras (2013).
Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis