Nova campaña de arqueoloxía no castro de Cereixa

A Pobra do Brollón
3 Agosto 2021
Patrimonio
Redacción | 3 de agosto de 2021
Once voluntarios/as participan no campo de voluntariado que continúa o proxecto de arqueoloxía en comunidade no castro de Cereixa, na Pobra do Brollón. Financiado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón está dirixido polo investigador Xurxo Ayán.

O equipo de arqueólogos/as que, dirixido por Xurxo Ayán, está a escavar o Castro de San Lourenzo en Cereixa xa  conta con reforzos de 11 voluntarios, procedentes de diferentes puntos de Galicia,  Andalucía e País Vasco.  
Este ano o obxectivo é ampliar a zona de escavación que se estende entre a ábsida da  ermida e a muralla do castro, para procurar o límite da necrópole altomedieval e ver  como conectan os restos medievais coa muralla antiga do castro. 
Ademais das tarefas no Castro de San Lourenzo, os voluntarios dedicarán o seu tempo  libre a coñecer outros elementos patrimoniais de Cereixa e do municipio da Pobra do  Brollón. 
Trátase do cuarto campo de voluntariado que ten lugar no castro, financiado pola  Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón. O campo desenvólvese  dentro do Proxecto San Lourenzo de arqueoloxía en comunidade. 
As escavacións no castro están abertas ao público. O programa de visitas guiadas ‘Déixate Guiar’ permite coñecer o Castro de  San Lourenzo e ver as escavacións en persoa.  As visitas ofrécense de mércores a domingo ás 11:00, aínda que para ver os traballos  arqueolóxicos en directo hai que asistir un día entre semana. As visitas guiadas son  gratuítas, previa reserva no teléfono 674 939 673 (mellor a través de WhatsApp). 
Concello