Noveno centenario do románico de Pesqueiras (1120-2020). Por Xosé Lois García
No caso do
templo de Santa María de Pesqueiras temos a data da primeira construción do
cenobio que deu orixe a construción da actual igrexa, mosteiro, priorado -como
un queira definilo- que albergou unha comunidade feminina de freiras bieitas,
que deron corpo a un incontido progreso cultural e económico dentro do
florecemento que permitiu aquela época e, tamén, do desorde do século XII. Da
súa popularidade e prosperidade, emanado dos poderes eclesiásticos e reais,
encontramos o perfil da época dos grandes persoeiros que posibilitaron alzar
áticos monumentos, como o referido. Eran os tempos do poder dos grandes
magnates, como Xelmirez o protexido do papa Calisto II e pola casa condal de
Borgoña; polos tempos de construción do bispo de Lugo Pedro III o Peregrino, da
raíña Urraca de Galiza e do seu marido, Raimundo de Borgoña. Todos eles
propiciáronlle dons e privilexios, fomentando unha comunidade estábel en
expansión no espazo bieito de Pesqueiras, coincidente coa segunda repoboación
da Ribeira Sacra.
O
mencionado ano de 1120, rexistrado por Villamil e Castro, anotou unha
inscrición copiada por Cornide, referido a Pesqueiras, na que se fala de
restauración polo mestre de obras Mateo Doals, o iniciador deste monumento.
Sobre o facsímile que connota o ano de construción e reforma do cenobio,
menciónase a palabra “restauravit”. Mais este asunto esclaréceo Nicanor Rielo
Carballo, achegando a seguinte aclaración: “É preciso sinalar que cando os
documentos ou inscricións antigas usan o verbo “restauravit”, non o fan coa
significación de reparar ou arranxar, senón como reconstrución ou
reedificación, no sentido de alzar un edificio novo”. A puntualización de Rielo
Carballo colócanos no epicentro inicial do actual priorado de Pesqueiras, unhas
obras que demoraron bastantes anos até concluílas, xa a finais do século XII.
Son datos necesarios para unha celebración memorial, na confusa actualidade dun
mundo repregado en si mesmo, mesmo nos atinos e desatinos da era dixital. Onde
moitas cousas confúndense, abrévianse e permiten pernicioso esquecemento.
Non todo
ese inmenso volume do románico galego conta coa data de construción, como no
caso de Pesqueiras. Isto permítenos con certa emoción e agrado recoller a testemuña
dun proceso arquitectónico da modernidade clásica do século XII, e proclamar
aquel tempo pletórico, nun espazo que produce tanto achego sentimental como o
de Santa María de Pesqueiras. Que constitúe o paradigma dunha tradición
emerxente onde conflúe todo un prototipo de evocacións espirituais deste espazo
lítico. Onde os enormes rochedos, bosques delimitados por soutos, devesas e
viñedos, permitíronnos saír de certo hermetismo do mito e da nebulosa
prehistórica, para dar paso ao concreto e á individualidade de procesos
transcendentes.
No espazo
actual en que se asenta o edificio románico de Pesqueiras, alén da emoción que
poida ter un crente, un panteísta, un ateo e un indiferente, aquí encontramos o
renazo espiritual no peso do tempo e das sombras que evocan pertenza cultural a
unha terra sublimada en tantas vocacións que aportan os apegos atraentes e nada
reducionistas neste antigo habitáculo no que tiveron cabida os que adoraron e
personalizaron os dons e os benéficos misterios que os antepasados mantiveron
vivo o facho ergueito da pertenza. Na transición das idades, o cristianismo na
súa expansión asentouse nestes lugares de tradición espiritual, desprazando
outros asentamentos mítico-relixiosos e situando a anacoretas, eremitas e
cenobitas ao longo de toda a Ribeira Sacra. O espazo en que se asenta o
priorado de Pesqueiras non foi alleo a esta realidade co que se connotou neste
eido ribeirao.
Pese a
tantas desventuras, o románico de Pesqueiras resístese a dar concesións á
canseira e ao aborrecemento daqueles que teñen a responsabilidade de
rehabilitar a memoria que, frecuentemente a esquecen con elevada aleivosía e
incorrendo en frecuentes anomalías. Nesta situación estamos ante un tema que
non é menor, tal como o trata Patrimonio. Cando non se valoran temas tan
evidentes do estado dos monumentos románicos, onde persisten os estragos e
pouco ou nada non se cuestionan os danos para un arranxo efectivo. Dada esta
situación estamos diante dun fracaso administrativo. Por outra banda, un certo
asociacionismo -talvez desorientado- que rodeou a este monumento de Pesqueiras,
con certa ovación de actos acertados e en decaemento, parece que se ignora a
data de 1120, para evocar o noveno centenario da existencia da igrexa de
Pesqueiras. E neste tema non vale dicir que non temos datos nin datas para
conmemorar, ou mesmo lembrar, este monumento persiste ergueito e demanda
respecto. E continúa emitindo concretas mensaxes pétreas que en tantas ocasións
falan para as nosas retinas, esas pedras estáticas e altivas como sinala D.
Sancho Sánchez de Ulloa, o persoeiro escénico da peza teatral de Fernando
García Penas: “Benvida”, na que D. Sancho fai a seguinte evocación: “Nós xa non
imos, déixense guiar polas pedras faladoras, cúbranas de alfombras e tapices,
de espadas e escudos, algunhas de sangue e traizón, teñan elas moito que lles
dicir, escóitenas, non perdan a ocasión.
En tódolos interiores e exteriores da igrexa de Pesqueiras hai reveres de memoria: suficientes para mirarnos nos seus novecentos anos de existencia. As pedras vellas impoñen matices no ver dos tempos, e vernos naquelas incontinencias de numerosa presenza medieval. Das sinxelas oracións que só a alma das cousas avivou retención no imaxinario popular. En tódalas prevencións e apeos da cantiga de clerecía, xograría, de amor e de amigo, que o coro xograresco de trobadores e segreis, como o apócrifo Pero Bernal, que manifestou rezo e cantiga rebelde no sagrado, que ficaron no devocionario que estas pedras gardan. E agardan o agasallo particular do “Cancioneiro de Nosa Señora de Pesqueiras”. O entusiasmo nada cativo e reverente que neste solitario e solemnizado espazo, onde a sacralización da cultura e da lingua milenaria de Galiza, edificaron na verba da fala os mitos derradeiros, os milagres que acugularon historia, coa presenza sedentaria da congregación relixiosa das freiras bieitas, rendidas ante a presenza da Nosa Señora.