Novos murais para embelecer e reivindicar o coidado das fachadas
Ribeira Sacra
30 Agosto 2021
Turismo
Redacción |30 de agosto de 2021
O artista Mon Devane vén de rematar dous murais de gran tamaño, un en San Clodio (Ribas de Sil) e outro en Quiroga. Estas dúas obras, próximas á que sería a arte urbana no rural buscan completar unha serie de intervencións que embelecen fachadas vidas a menos en vilas ou aldeas da Ribeira Sacra. Doutro lado, esta acción reivindica a necesidade do coidado estético do que cada unha temos un grao de responsabilidade neste territorio.

Estas dúas últimas intervencións enmárcanse no Pacto Pola Paisaxe asinado co Instituto de Estudos do Territorio por parte do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
Ese documento recolle, entre outras, unha proposta de actuacións de pintura artística en muros e fachadas que representan unha mala praxe construtiva, tanto polo material (cemento, ladrillo visto, entre outros) como polo tamaño ou a localización dos mesmos. As propostas dan continuidade á liña de actuacións en murais e esgrafiados emprendidas con anterioridade polo Consorcio de Turismo e apoiadas agora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Miguel Peralta, de Cestola na Cachola, comezou estes días outro dos murais en Montederramo, nunha edificación de ladrillo que chama especialmente a atención na entrada ao pobo e a escasos metros do mosteiro, e que distorsiona a imaxe panorámica deste emprazamento. Proximamente levará a cabo outra no Concello de Carballedo.
As temáticas dos murais aluden a aspectos patrimoniais e humanos propios de cada un dos municipios e o seu tamaño medio está nos 250-300 metros cadrados.
Portomarín e A Peroxa serán os seguintes lugares nos que se acometerán novas intervencións artísticas en muros a cargo de Espacio Matrioska, e en Sober e Pantón, onde serán creadas pola artista local, Doa Oa.
Tamén están previstas outras localizacións para o ano 2022, ademais dunha liña que recuperará esgrafiados deteriorados e levará a cabo outros novos.
O Plan de Sostibilidade Turística apoiará tamén algunhas intervencións deste tipo. Unha que comezará de xeito inmediato con cargo ao plan no que interveñen, ademais do Consorcio, a Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia Turismo de Galicia, localízase en Quiroga e fará referencia ao Camiño de Santiago cubrindo unha gran fachada de ladrillo no medio da vila.
Concello
Ribeira Sacra