Novos pasos na unión contra o cancro
Chantada
10 Xuño 2019
Social
Redacción | 10 de xuño de 2019
A loita contra co cancro deu este domingo moitos pasos adiante na Ribeira Sacra. Unhas 600 persoas camiñaron e colaboraron unidas co obxectivo único de sensibilizar e sumar nos frentes contra esta dura enfermidade e reforzar as redes de apoio a enfermos e familiares. Unha ruta solidaria que representa todo o sentir co que nacía hai case tres anos a Asociación Chantada contra o Cancro, a primeira do sur de Lugo que ten como base esta dura enfermidade que dun xeito o outro nos toca a todas e a todos.
Charlas, formación, apoio sicoloxico e accións diversas integran a axenda deste colectivo con sede no Parque Eloísa Rivadulla na vila do Asma. A investigación e atención sanitaria son fundamentais, pero tamén a información , prevención, asesoramento e acompañamento e a xestión social e persoal no transcurso da doenza. Paliar na medida do posible estas eivas é precisamente a razón de ser dun colectivo integrado por profesionais en distintos eidos, por experiencias previas e sobre todo cunha gran vontade comunitaria.
Co respaldo de camiñantes de todas as idades lograron recadar fondos para facer posible a súa actividade, con campañas abertas a toda a sociedade dende a proximidade. As ribeiras do Miño foron de novo o marco para a andaina rosa, a da fortaleza e da esperanza, que tivo a súa meta física na adega Condado de Sequeiras e que ten o seu verdadeiro fin en gañar a batalla a unha das pandemias do presente e do futuro.
Fotos: Chantada contra o Cancro
Concello
Chantada
Saber máis