Novos traballos para amosar máis do hórreum romano de Proendos
Sober
29 Novembro 2021
Patrimonio
Redacción | 29 de novemebro de 2021
Os segredos da antiga Proencia, asentamento romano en Sober suman visibilidade cunha nova campaña arqueolóxica que pecha o ano na parroquia de Proendos. A Xunta e o Concello de Sober impulsan estes días novos traballos para protexer e ampliar a vista do hórreum aparecido xa na campaña do pasado ano. Trátase dunha estrutura que parece ser única en Galicia e que quedará mellor preparada para as visitas a este xacemento romano que data alomenos do século I ao V.
Este luns de decembro o xacemento arqueolóxico romano de Proendos, en Sober, volve ferver de actividade. Arqueólogas e arqueólogos do equipo Tempos impulados pola Xunta de Galicia e o Concello de Sober inician hoxe unha nova fase de escavación co obxectivo de consolidar o hórreum romano saído á luz nos últimos traballos feitos polo Goberno galego neste espazo e que supón unha estrutura única en Galicia.
Trátase dunha intervención que dá continuidade ás actuacións impulsadas nos últimos dous anos de descubrimento de materiais de extensa cronoloxía que van desde o século I ata o século V.
Nesta ocasión consolidarase a estrutura do hórreum e rematarase a escavación ata o límite da parcela dispoñible. Tamén se acondicionará a zona arqueolóxica para que poida ser visitada polo conxunto da cidadanía.
En concreto, os traballos arqueolóxicos que se poñen hoxe en marcha consistirán nunha escavación arqueolóxica nunha superficie de 35 metros cadrados co fin de definir espacialmente o hórreum para, posteriormente, recoller mostras e tomar imaxes topográficas e en 3D. A continuación, farase unha diagnose do estado de conservación e dos procesos de alteración das estruturas exhumadas.
Os traballos complétanse coa instalación de postes delimitadores, a colocación dunha mesa interpretativa e a posta en marcha de accións de divulgación para dar a coñecer os traballos realizados e o valor deste xacemento entre a cidadanía.
Neste lugar tense constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos muros de peche e no interior das casas do actual pobo de Proendos.
Os últimos traballos impulsados neste xacemento remataron hai só uns meses con dúas sondaxes manuais centradas na zona onde se atopa a estrutura tipo hórreo e nas proximidades da igrexa de Santa María de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares.
En conxunto, as intervencións feitas permitiron constatar a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana. A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.
Concello
Sober
Saber máis