O pintor Modesto Trigo constrúe en Gundivós un museo dos oficios perdidos

Sober
9 Febreiro 2021
Patrimonio
Redacción | 9 de febreiro de 2021
Gundivós terá un museo dos oficios perdidos. O pintor soberino Modesto Trigo está a constriír un museo centrado nesta temática nesta súa aldea da Ribeira Sacra, berce da ancestral alfarería homónima. Deste xeito, e a través dunha iniciativa particular, este artista e veciño pretende amosar a súa obra e a doutros creadores co obxectivo de promover a amosar as posiblidades do rural.
O pintor e escultor soberino Modesto Trigo proxecta a construción dun Museo de oficios perdidos en Gundivós. Con este obxectivo o artista está a traballar nun proxecto que, proximamente, prevé achegar a este municipio parte da súa obra pictórica e tamén cadros de diferentes artistas.
A idea trascende esta mostra artística e  nace para converterse tamén nun espazo de referencia para rescatar oficios perdidos ou case perdidos, como pode ser o de canteiro. Os cadros que formen parte das exposicións explicarán a tradición histórica e con eles animará a recuperar eses oficios como unha forma para asentar poboación no rural.

Ademais do Museo, o artista ten previsto acondicionar un obradoiro para poder traballar nas tempadas que pasa en Sober, xa que reside fóra da zona, así como contar con diferentes espazos colaboradores nos que amosar a súa obra, relacionada directamente co rural  e coa Ribeira Sacra.

Segundo informaron dende o Concello de Sober, o impulsor deste proxecto sinalou que “ se trata de poder pintar aí e traballar no concepto de aldea global desde o lugar no que nacín. Desa maneira o traballo que se faga servirá como resonancia de Gundivós e de Sober”.

Recoñece que é un proxecto “ambicioso” que reúne arte, ciencia e sustentabilidade co que non só expoñer, senón educar e informar sobre as posibilidades do mundo rural.

O pintor, natural de Gundivós, está afincado en Madrid e a súa obra pictórica ten sido exposta por todo o mundo. Na actualidade prepara unha exposición no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid titulada ‘Arte y Ciencia’.

Concello