O túnel de Montefurado, parte dun amplo conxunto mineiro na conca media do Sil

Quiroga
30 Novembro 2020
Patrimonio
Redacción | 30 de setembro de 2020
Un estudo constata que o túnel romano de Montefurado, en Quiroga, é parte dun amplo conxunto mineiro. A explotación da conca media do Sil para a extracción de ouro foi intensa na etapa do Imperio e tal e como se comproba na documentación, pero tamén máis aló desta etapa.

O túnel de Montefurado, en Quiroga, é unha das obras máis senlleiras da actividade minera do imperio romando en Galicia.  A Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) veñen de concluír o estudo multidisciplinar deste elemento patrimonial inicial cun investimento de 40.000 euros.

Un dos principais resultados desta investigación que se alongou durante máis dun ano é que o túnel non é unha realidade illada, senón que forma parte dun conxunto mineiro moito máis amplo. “Durante os dous séculos que durou aproximadamente o desenvolvemento da minería do ouro no noroeste da Península Ibérica, tras a conquista levada a cabo por Augusto, todo o tramo medio do río Sil foi intensamente explotado”, explican os investigadores. Proba disto, engaden, é que as marxes do río aparecen balizadas por decenas de labores mineiros.

Para documentar estes restos, empregáronse medios de teledetección como a fotografía aérea histórica, voos de dron ou o uso da tecnoloxía LiDAR, que permiten obter un modelo do terreo de alta precisión.

Por outro lado puídose documentar a rede hidráulica que abastecía de auga ás frontes mineiras, así como identificar con detalle o trazado da rede hidráulica que derivaba o río Xares ata as minas situadas xunto ao Montefurado. Tamén se constatou a existencia doutra canle, peor conservada, que levaba as augas do Regueiro de San Martiño, situado nas inmediacións de Seadur.

Os traballos complétanse cun estudo documental da historia do túnel que vai desde as primeiras referencias dos anticuarios humanistas, como Bartolomeu Sagrario de Molina, ata o intento do seu re aproveitamento con fins mineiros durante o primeiro cuarto do século XX.

Concello