O Xacobeo pón a vista na mellora do Camiño de Inverno

Ribeira Sacra
3 Setembro 2021
Patrimonio
Redacción | 9 de setembro de 2021
O Xacobeo mirou estes días cara ao Camiño de Inverno. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaron en Rodeiro esta semana un dos tramos acondicionados e sinalizados recentemente. Neste acto aproveitaron para anunciar que o desenvolvemento desta ruta a Santiago se verá reforzado con outras accións como a posta en funcionamento do alberque para peregrinos/as de Diomondi, previsiblemente a finais deste ano.
Varios treitos do Camiño de Inverno foron sinalizados e acondicionados recentemente na Ribeira Sacra e Rodeiro.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comprobaron esta semana xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o resultado destas tarefas.

As actuacións forman parte dun dun investimento de 1,7 millóns de euros en 190 quilómetros en 14 concellos. En concreto, xunto con Rodeiro, onde se investiron máis de 110.000 euros, tamén se realizaron melloras en Lalín e noutros 7 municipios da provincia de Lugo -Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte, Pantón, O Saviñao e Chantada- e outros 5 na de Ourense -Rubiá, Ribas de Sil, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Vilamartín de Valdeorras-.
Acometeuse a reparación e instalación de mouteiras, así como a colocación de cuñas de cerámica e bronce, paneis informativos e outros elementos de sinalización, así como melloras no trazado para manter a homoxeneidade en tódalas rutas. As obras xa finalizadas neste itinerario supoñen o remate dos proxectos incluídos no Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021.
O Camiño de Inverno, declarado ruta oficial de peregrinación en 2016 atravesa as 4 provincias galegas e as comarcas de Valdeorras, Ribeira Sacra ou Deza. Dende a Xunta destacaron o seu potencial e a previsión de rematar este 2021 por riba dos 140.000 peregrinos/as entre os que cheguen a través de tódalas rutas xacobeas. No que vai de ano xa selaron a súa Compostela máis de 94.000 persoas, cunha media de máis de 1.400 ao día aos que hai que sumar as/os camiñantes que percorren a ruta sen selar a credencial.
O vicepresidente primeiro da Xunta tamén lembrou que o Camiño de Inverno terá a finais de ano listo o novo albergue de Diomondi, unha vez rematadas as obras de reforma da antiga residencia bispal vencellada ao mosteiro de San Paio. Cun millón de euros lévase a cabo a rehabilitación integral deste edificio para contar cun inmoble de 34 prazas para a acollida de peregrinos/as. Ao tempo  tempo recuperase un edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A infraestrutura sumarase á rede pública de albergues que ao longo deste Xacobeo 21-22 pasará a sumar un total de 78.

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra