Os Premios da Cultura Galega 2018, co foco na Ribeira Sacra
Os premios convócaos a Xunta de Galicia e o xurado estivo integrado por representantes da Consellería de Cultura e Educación, do Consello da Cultura Galega, da Universidade da Coruña (en representación rotatoria das universidades galegas), da Real Academia Galega e da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, ademais de catro profesionais independentes.
A continuación reproducimos un resumo da Consellería de Cultura e o Consello da Cultura galega que nos achega a estas figuras e colectivos e ao que o xurado tivo en conta á hora de recoñecer o seu labor en distintos eidos.
O Sorriso de Daniel,
Patrimonio Cultural
“O Sorriso de Daniel, que toma o seu nome da escultura do
profeta Daniel no Pórtico da Gloria, é unha asociación creada en Santiago de
Compostela en 2010 cuxos fins fundacionais son promover, defender, estimular e
apoiar a conservación do patrimonio medieval galego e mais difundir, tanto
dentro coma fóra de Galicia, este patrimonio, particularmente todas as
manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes
suntuarias etc. Con este fin, vén desenvolvendo un amplo labor de actividades
baseadas na defensa e promoción do románico galego, coa realización de
conferencias, itinerarios culturais e visitas guiadas, entre outras iniciativas”.
Ramón Villares,
Proxección Exterior
“ Villares
(Xermade, 1951), Premio Cultura Galega de Proxección Exterior, é un dos
historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros e
autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico
numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre
2006 e 2018, período en que a institución centrou unha parte importante do seu
traballo no impulso da acción exterior. Destacan nesta liña proxectos
vinculados coa posta en valor da memoria e dos legados dos emigrantes galegos,
con iniciativas como Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia; ou
coa recuperación da historia do asociacionismo galego na emigración,
materializada na exposición Nós mesmos”.
“Un dos escritores máis destacados do panorama literario
galego actual. Licenciado en filoloxía románica e profesor de literatura entre
1973 e 2010, o vigués é autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do
seu primeiro poemario, Praia das furnas, en 1983, non deixou de medrar. Ademais
de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos
centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura
infantil. A calidade do seu traballo fíxoo merecedor de destacados premios,
como o Esquío, o González Garcés, o Arume de Poesía para Nenos ou os da Crítica
de Galicia e de España”.
Luz Darriba, Artes Plásticas
“Esta creadora naceu en Montevideo e emigrou a Galicia en
1990, é autora de 40 macroaccións urbanas, entre as que destacan intervencións
como Cumulum, coa que rodeou a muralla de Lugo con máis de medio millón de
libros para favorecer a súa declaración como patrimonio da humanidade pola
Unesco. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo
central da obra da artista, que ten realizado máis de 250 mostras colectivas en
países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Costa Rica, Francia, Luxemburgo,
Alemaña, Xapón, Malaisia, Reino Unido, Estados Unidos ou Bélxica e máis de 50
exposicións individuais internacionais”.
FIOT, Artes Escénicas
“O Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, todo un
referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galicia. Celébrase
en Carballo desde 1992, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en
colaboración co Concello de Carballo. Desde o seu inicio foi medrando de xeito
exponencial tanto na calidade das programacións como na fidelización de
público. Pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das
propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos
máis importantes festivais de Galicia, cun programa que vén ofrecendo unha
trintena de obras e preto de 100 actividades paralelas”.
A Roda, Música
“O grupo cumpre en 2018 catro décadas enriba dos escenarios;
toda unha vida dedicada a promover e a difundir a música galega. Expoñente da
música popular galega, da música de taberna, algunhas das letras das súas
cancións, como Pousa, pousa ou o Miudiño, acadaron ao longo destes corenta anos
unha extraordinaria difusión tanto dentro coma fóra de Galicia. Recibiron
numerosos premios e publicaron 17 traballos discográficos, que avalan a
traxectoria dun dos grupos en activo máis antigos e comprometidos coa lingua
galega”.
“Encontro audiovisual de produción galega, onde outras
manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente
pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia
de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo
paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de
filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas
actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese
nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de
difusión dos novos creadores e creadoras”.
Antón Santamarina, Lingua
“Santamarina (A Fonsagrada, 1942), lingüista, catedrático de
filoloxía románica pola Universidade de Santiago e membro de número da Real
Academia Galega. Secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta
preautonómica en 1979, onde iniciou a implantación do ensino do galego na EXB e
o BUP, vén realizando un destacado labor de investigación en diferentes áreas
da lingüística galega, entre as que destaca a lexicografía. Neste ámbito
publicou o Dicionario de dicionarios e actualmente dirixe o Tesouro
Informatizado da Lingua Galega. Ademais, está colaborando na redacción do dicionario
académico. O Atlas Lingüístico Galego (1987-2003) ou o Vocabulario Ortográfico
da Lingua Galega (VOLGa) son outros dos proxectos nos que tomou parte”.