'Pandemias', pola historiadora Tamara González

Chantada
16 Xuño 2020
Outros Arquivos
Pandemias
Por Tamara González
A historiadora de Carballedo Tamara González López, da Irmandade Cultural País do Faro, ven de facer un estudo do impacto da gripe de 1918 na comarca de Chantada e unha comparativa co impacto COVID-19

Unha das primeiras referencias á gripe de 1918 en medios lucenses data do 24 de maio dese mesmo ano; aínda que, en teoría, xa houbera unha primeira vaga ao inicio da primavera en distintos puntos da xeografía peninsular, incluída Galicia. En termos telegráficos, o xornal ‘La idea moderna’ aludía á epidemia reinante que se seguía propagando na corte madrileña e  cifraban nun 30% a poboación “que se halla en cama de la dolencia”. O día anterior, outro periódico galego advertía dunha epidemia en Madrid que algunos califican de gripe e que ese extraño mal atacaba repentinamente e en lugares concorridos. Cinco días despois, o mesmo medio publicaba que a epidemia seguía propagándose en Madrid e cifraban os enfermos “en más de cien mil”; ao mesmo tempo, anunciaban que hizo su aparición la epidemia gripal  en algunas capitales donde no se registraran casos. Amais, igual que na actualidade, “eran  muchas las familias que anticipan el verano marchándose al campo  para evitar la enfermedad de moda”, como deu en chamarse. Ao día seguinte, afirmábase que moitos dos enfermos xa estaban recuperados e que as precaucións sanitarias provocaban que “la epidemia tienda a decrecer”.         .

Mesma tendencia de calma e redución de enfermos que transmitían as breves referencias dos días seguintes, aludindo á recuperación de persoas destacadas como a infanta dona Isabel ou o conde Romanones, ministro no momento de Gracia e Xustiza. Mais, ao mesmo tempo, outras novas e outros medios ían dando outra perspectiva da magnitude da epidemia ao clausurarse escolas en Valencia e ir chegando noticias doutros puntos sobre o incremento dos enfermos.

Nin na provincia de Lugo nin na comarca houbera aínda algún caso (ou que se soubese) e a vida seguía o seu curso. De feito, o 21 de xuño publícanse as festas que se ían a celebrar entre o 6-9 de xullo na honra de san Antonio, que incluía concertos da banda municipal, pasacalles da banda con xigantes e cabezudos, carreiras de bicicletas, folión, misas e procesións, bailes, iluminacións e pirotecnia, batalla de flores; así como outros elementos menos enxebres como “fengós japoneses y globos grotescos” e outros tan actuais como “concurso de escaparates ou “festival gallego” no souto de Pousada con premios ao mellor viño ou ao posto de ‘rosquillas’ mellor adornado. Tamén outros dignos de ser resucitadas como o premio ao cego que mellor executase ‘Aires Gallegos’, á parella que mellor bailase a muiñeira e á que mellor traxe do país vestise.

Efectivamente, a enfermidade estába a reducirse: en xuño de 1918 faleceron oficialmente en toda España 2.214 persoas por gripe, 1.598 en xullo e só 895 en agosto. Mais só era a calma antes da tempestade: en setembro faleceron 7.090 persoas, 71.504 en outubro, 37.937 en novembro e 8.915 en decembro. Dado que descoñecemos os indicadores que se empregaron na   diagnose,  non   podemos aseverar que os   falecidos por pneumonía fosen realmente por gripe, pero coinciden en ser outubro e novembro os meses de maior letalidade (3.390 e 1.840, respectivamente). Dos sete mil mortos anuais por gripe nos anos anteriores pasouse en 1918  a 147.060   mortos.  Deles, 3.625   foron   de  Lugo,  a   menos  afectada  das provincias galegas (A Coruña 7.763 mortos, sendo a cifra máxima  de España nese ano, Pontevedra 3.805 e Ourense 5.211) e a décimo sexta a nivel de España. Sinal da letalidade desta enfermidade é que estas defuncións se concentraron nuns meses, xa que non foi ata pasado o verán que chegou a Galicia.

Os falecidos por gripe na provincia de Lugo no mes de setembro foron 77, poderíanse engadir   os   falecidos   por   outras   enfermidades relacionadas co   aparato respiratorio como bronquite (73) ou pneumonía (41). Eran cifras superiores á media, pero aínda se icrementarían máis. Implica que o groso dos máis de tres mil seiscentos falecidos en Lugo por gripe en 1918 acaeceron no mes de outubro e novembro. Sen dúbida algunha, foi esta vaga da enfermidade, a de outubro-novembro de 1918,  a que máis afectou á zona sur de Lugo.

En toda Galicia, os feitos fóronse sucedendo con moita rapidez. O 20 de setembro de 1918, a cidade de Pontevedra iniciaba o saneamento dos que consideraba posibles focos de infección  en previsión de que invada esta ciudad la epidemia gripal; e constátanse a existencia de enfermos nos destacamentos militares de Ferrol e Ourense. O 23 de setembro, Vilalba foi declarada epidemiada con parroquias contaxiadas na   súa   totalidade.  O   28   de   setembro infórmase que Universidade de Santiago suspendía indefinidamente a súa apertura para evitar a difusión da enfermidade. O tres de outubro rexístranse casos en Mondoñedo; o catro de outubro recóllese nos xornais que Vilalba era un dos lugares con máis contaxiados, malia que xa había un descenso. O sete de outubro suspéndese a facultade de emigrar por real orden do ministerio.

O 16 de outubro de 1918 especifícase que en Lugo, Chantada, Ribadeo y Sarria segue en aumento  o número de contaxiados.  Ao día seguinte, a situación en Viveiro mellora, “pero no puede decirse lo mismo respecto de Chantada. Allí el número de atacados es grande y el de defunciones relativamente crecido”. O día de san Lucas, o 18, “en Chantada y Bóveda aumentan las defunciones” e outro xornal situaba Chantada como unha das catro zonas con maior número de contaxiados. O incremento de enfermos aínda continuaba o 26 de outubro.

A situación era tal que o 24-25 de outubro visitaron Chantada  con motivo de la epidemia  o bispo Basulto, o gobernador Civil Alberola e o inspector provincial de sanidade, don Emilio Domínguez; os dous últimos, amáis de levar medicamentos e desinfectantes, doaron duascentas pesetas cada un para o socorro dos pobres. Aínda que, atendendo ao publicado no diario El Norte de Galicia, a doazón do gobernador civil non tiña moito mérito, xa que proviña da suma para tal efecto remitida polo ministerio. Esta visita permite saber que xa non era a vila a zona máis afectada, senón que a gripe chegara ás aldeas inmediatas nas que estaba causando estragos.

Non foron as únicas doazóns que se recibiron, malia que a meirande parte quedaron no anonimato e no esquecemento, algúns por vontade propia, pois decidían asinar como “una devota  ou  un vecino” . A doazón que máis se difundiu, tanto polo que implicaba ao doador como polo efecto chamada que se pretendía, foi a de don Leonardo Rodríguez Díaz, alcalde da propia vila de Chantada e deputado nas Cortes. Segundo ‘El Regional’, encabezou a subscrición “con destino al socorro de los enfermos pobres de dicho municipio, víctimas de la epidemia reinante” con cincocentas pesetas; tras el, sumáronse máis. O propio xornal desfíxose en grandes loas cara el:  “una prueba más del verdadero y acendrado cariño que el celosísimo diputado a Cortes por Chantada profesa a su distrito que recibe hoy conmovido tan valioso donativo gracias al cual podrán tener pan y los medicamentos más precisos los pobres de aquella castigada villa que pronunciarán con veneración el nombre del caritativo donante”.

En novembro a situación parece que mellorou ao reducirse o número de contaxiados e só se localizaban focos en diversas parroquias do interior lucense. Reactivouse a sociedade, a economía e a mobilidade, xa que entre outras medidas volvéronse a autorizar –con restricións as emigracións e a actividade académica a partir de xaneiro. Con todo, ata o 10 de xaneiro de 1919, non se declarou no epidemiados aos concellos de Carballedo, Chantada, Taboada e Monforte, entre outros, namentres o resto permanecía baixo tal condición de epidemiados.

Mais a tranquilidade non durou moito na provincia e xa a finais de febreiro, o Diario de Pontevedra reproducía unha breve mención, case telegráfica, á chegada da gripe a Lugo: dicen de Lugo que se ha reproducido allí la gripe. Se cree que la trajeron los quintos que han llegado estos días. En el hospital hay numerosos atacados habiendo ocurrido algunas defunciones. Dende logo, non acadou as cifras de outubro de 1918, pero as novas vagas da gripe si tiveron un impacto forte na provincia de Lugo. De feito, en 1919, a provincia de Lugo foi a segunda máis afectada de España por gripe, con cifras próximas a Madrid: 1092 falecidos en Lugo fronte a 1477 en Madrid, e por encima das 494 de Ourense, as 388 de A Coruña ou as 184​ de Pontevedra. Se ben é certo que estas cifras hai que tomalas con cautela pola máis que posibles omisións de falecementos e da súa causa por mor do desbordamento do momento e da imposibilidade de achacalo á gripe, non deixa de ser sinal do impacto que tivo a enfermidade na provincia. Mostra desa dificultade da diagnose e dun rexistro actualizado e sen duplicacións é o baile de cifras do número de falecidos por gripe no mes de outubro proporcionados polo Instituto Geográfico y Estadístico: as aportadas en xaneiro de 1919 situounos en 79.484, mentres que a cifra reflictida no Anuario Estadístico de 1918 é de 71.504.

No municipio de Chantada, a poboación decaeu de 15.010 habitantes en 1910 a 13.541 en 1920. Non significa que a diferenza fosen os mortos pola epidemia de gripe de 1918, senón que   a   epidemia   tivo   un   intenso   impacto   na   estrutura   demográfica   que   non   conseguiu estabilizarse nin recuperarse a curto prazo: en 1930, a poboación seguía a estar por debaixo dos 15.000 habitantes.

Tamén Carballedo tivo un descenso importante nos seus habitantes:de 9.068 habitantes en 1910, trala gripe pasouse a 8.234. Agora ben, ao partir dun monto de poboación máis reducido e ao ter unha dedicación agraria maior, a recuperación foi máis doada e xa nos censos de 1930 recuperara os nove mil habitantes. Pantón apenas perdeu poboación, xa que pasou de 12.407 habitantes en 1910 a 12.279 en 1920. Mais, ao contrario que Carballedo, non houbo recuperación demográfica a longo prazo, xa que a caída demográfica foi a tendencia constante ata a actualidade, cun único período de incremento na década 1930-1940.

Taboada, pola contra, foi das que menos sufriu a epidemia e as súas consecuencias demográficas, incluso aumentou lixeiramente a súa poboación: 7.821 habitantes en 1910 e 7.904 en 1920. Amais, resulta sorprendente porque a década anterior, 1900-1910, fora de descenso de poboación. Semellante situación aconteceu no Saviñao que incrementou os seus efectivos demográficos nunhas setenta persoas nesa década, ao pasar de 11.138 habitantes en 1910 a 11.207 en 1920.

Estas cifras amosan que, ao igual que no resto de España, as zonas máis afectadas foron as que presentaban características urbanas no senso de aglomeración de poboación. Sería preciso,  ademais, analizar o reparto da poboación en función da idade, xa que a recuperación  demográfica   era   máis   complicada   e   precisaba   de   máis   tempo   naquelas   zonas   nas que   a letalidade da epidemia afectara aos habitantes en idade fértil.

Non é posible tratar a gripe de 1918 na zona de Chantada sen citar a don Benigno Ledo, coñecido como o cura das abellas. En 1919, concedéuselle a cruz de Beneficencia de primeira clase   por las muestras de sacrificio y abnegada caridad cristiana que durante la última epidemia gripal dio. Segundo o xornal, foi proposto polo concello de Chantada a petición del vecindario. Condecoración que lle impuxo don Leonardo Rodríguez tras a procesión das festas do Carme de 1920.

A epidemia de gripe de 1918 e a epidemia actual non só coincidiron en amosar aos heroes que estiveron en primeira liña de traballo; senón que tamén houbo quen aproveitou a situación para sacar a súa vea máis imaxinativa e picaresca. Diferentes comercios de xéneros diversos aproveitaron o tema da epidemia para sacar maior rendemento. Así, en ‘El Ideal Gallego’  podían lerse anuncios que afirmaban que  “para combatir la epidemia reinante [...]  no hay como  abrigarse con los gabanes” que vendía certa xastrería. Outros anuncios emulaban aos artigos periodísticos para  divulgar a venda de  produtos farmacéuticos como a antiseptina, á  cal indicaban como beneficiosa para os problemas intestinais que se sufrían tras a epidemia, ou o Jerez Quina, presentado como “el mejor desinfectante y al mismo tiempo aperitivo”.

De igual xeito, e salvando as distancias, a sociedade actual e a sociedade de hai un século seguen a manter certos elementos de fondo innatos á natureza humana que facilitan a crenza en azueiras e remedios milagrosos. Segundo os medios, os veciños das zonas limítrofes a Portugal​ estaban asustados porque existía o rumor de que alí, amáis da gripe, estaban a sufrir tamén a epidemia da varíola, o tifo e o cólera. Se ben existían conatos destas enfermidades no país veciño, respondían a brotes semellantes aos que podía haber na época en Galicia. Entre os remedios que se propagaron como efectivos estivo a quinina e o iodo, produto este último que ficou a partir de entón en moitos fogares para ser empregado para maquillarse aclarando a pel.

A inicios de 1920, a situación parecía estar normalizada ata o punto de que os propios medios, tan recargados na estilística dos seus relatos nesta época, abordaban o tema cun lixeiro ton humorístico con este tema. No diario ‘La Integridad’, do 18 de xaneiro do devandito ano, escribían:

“También por aquí la gripe, aunque benigna, anda a caza de parroquianos, obligándolos a guardar cama unos cuantos días. Mal por mal, más nos molesta la visita de la gripe que la de los políticos. A estos se les engaña; a la otra... sólo con caldos”.

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis