Penas do Castelo, un xacemento misterioso en Salcedo

A Pobra do Brollón
26 Agosto 2021
Patrimonio
Redacción | 26 de agosto de 2021
Un castro, un asentamento altomedieval, un poboado mineiro da Antigüidade. Algunhas pistas e moito misterio e lendas arredor das Penas do Castelo, un tesouro en silencio na aldea de Salcedo, tocando O Courel. Unha primeira campaña arqueolóxica iniciada estes días e financiada pola Xunta de Galicia permitirá datar restos e poñer á vista unha parte fundamental deste xacemento, un miradoiro natural cara o río Lor na Pobra do Brollón.
Non se sabe moi ben de cando ven este asentamento, as Penas do Castelo son un conxunto misterioso, pero para iso está en marcha a campaña arqueolóxica que comezou estes días.
Este miradoiro natural pendurado sobre o Río Lor nasmarxes  do Courel fora clasificado como xacemento altomedieval, pero a roza levada a cabo recentemente convida aos expertos a establecer semellanzas con outros castros do Courel. Os foxos escavados na rocha, a tipoloxía das murallas e a organización interna do recinto son algunhas das chaves. Sen embargo,  as cronoloxías son moi variadas e por iso é fundamental facer estudos para poñerlle data aos restos arqueolóxicos.

Hai restos pétreos que tamén fan pensar nun poboado de tipo mineiro, unha idea reforzada polos coñecidos depósitos minerais desta zona.
A asociación de veciños de Salcedo, a comunidade de montes desta parroquia de Brollón, o propio Concello e a Xunta son os impulsores desta nova aventura arqueolóxica nas terras guímaras. Dende o primeiro intre están a darlle difusión a cada paso dado no proxecto a través das redes sociais e inciden en cualificalo como " arqueoloxía de aldea" en referencia á implicación da comunidade.
Ademais, é xa un recurso visitable que se suma aos xacementos de San Lourenzo en Cereixa ou os Conventos en Vilachá de Salvadur. Por este novo xacemento xa pasaron neste verán varios centos de persoas. Árbore Arqueoloxía é a firma encargada destes traballos que se prolongan durante 3 semanas e a Consellaría de Cultura é a encargada do finanzamento da campaña. 
A idea inicial é que a intervención permita crear un lugar aínda de meirande interese deixando á vista as dúas caras dunha muralla de considerable tamaño que xa ben se define á vista. Por outro lado, o obxectivo é establecer esa datación polo método científico do carbono-14 aplicado ás mostras extraídas.

Pero a arqueoloxía de aldea non se queda aquí, e aliméntase de actividades de difusión e divulgación para facer partícipe á comunidade e á sociedade en xeral deste tipo de investigacións habitualmente reservadas para os especialistas. Tamén estará a cultura e a música para darlle entidade ás dinámicas comunitarias e reforzar a identidade da parroquia e do municipio a través da acción patrimonial.

Concello