PESQUEIRAS (I) NO NOVENO CENTENARIO DA CONSTRUCIÓN DO PRIORADO DE PESQUEIRAS. Por Xosé Lois García

Chantada
28 Agosto 2020
Patrimonio
PESQUEIRAS (I)

NO NOVENO CENTENARIO DA CONSTRUCIÓN DO PRIORADO DE PESQUEIRAS. MCXX-MMXX.

 

DO LIBRO DE XOSÉ LOIS GARCÍA:
“SIMBOLOXÍA DO ROMÁNICO DE CHANTADA. (2010)
Igrexa, priorado ou mosteiro. Por estes tres nomes se  coñece o templo de Santa María de Pesqueiras, construído nun lugar recatado, guarnecido polos repregues ribeiraos do Miño. Este mosteiro está entre impoñentes rochedos, como o de Vidal, e entre abondosa e suxestiva vexetación, na que abundan milenarios castiñeiros e carballos; con regatos e regadas que conforman fonteiriñas e son vitais para a fertilidade destas ribeiras. Neste espacio, anacoretas e cenobitas crearon seu habitat espiritual e dependían da súa propia producción agrícola. Este recuncho é un de tantos que os cenobitas habitaron ao longo da nosa Ribeira Sacra.

O illamento de Pesqueiras crea un microcosmos, sen dúbida adecuado para un estábel comunitarismo monacal. O cenobio que había neste lugar nos albores do románico foi reformado, en 1120, por Xoán Mateu Doals. Estamos falando xa do mesmo templo que observamos hoxe? Un dos máximos estudiosos do románico galego, o profesor Ramón Yzquierdo Perrín, sitúa a  construcción do actual mosteiro nun período mais tardío a  1120. Nunha inscrición que apareceu nesta igrexa, citada por Cornide, aparece a palabra: Restauravit, e non: me fecit. Isto podería indicar unha reforma anterior á construcción que observamos hoxe. O actual mosteiro presenta grandes proporcións, tal vez para acoller unha comunidade bastante importante de monxas bieitas, as famosas toquinegradas, como vulgarmente se lles coñecía. Segundo Francisco Vázquez Saco, este é un dos templos mais belos do románico rural. Nicanor Rielo Carballo, polo contrario, sinala que ese apelativo de rural non corresponde a grandilocuencia do mosteiro de Pesqueiras.

Observamos que a decoración dos seus capiteis, arcadas e cornixa responden mais a un templo de orientación cisterciense que benedictina. Polo tanto, toca falar dunha construcción xa case metida no século XIII, prototipo do románico culto e universal cultivado no Midi francés do século XII entrou en Galiza polo camiño de Santiago. O noso románico de matiz ruralista é outra cousa ben diferente ao que se contempla en Pesqueiras.

Rigor e austeridade tipifican as construcción do Císter e parece que esa tendencia e estilo foi a que se impuxo neste lugar. A flora que se proclama na súa decoración, asistida por elementos xeométricos, ten unha correspondencia nos formatos cistercienses. Lembremos que na “Apoloxía” de San Bernardo, atopamos dúas encomendas contra a iconografía zoomórfica,  da cal comenta: “Pero nos capiteis dos claustros, onde os irmáns fan lectura, qué razón de ser teñen tantos monstros ridículos, tanta beleza deforme e tanta deformidade artística”. O mesmo Bernardo de Claravall, no “Libro sobre o amor de Deus”, enfatiza: “Estas novas flores e froitos, son a fermosura dos campos, que exhalan tan finas fragrancias”, referíndose á nova estética iconográfica que el recomendou e orientou.

O formato escultórico do templo de Santa María de Pesqueiras está en consonancia co predicado de San Bernardo. Por iso, atopamos aquí todo un canto á natureza vexetal, promovido polos cistercienses,   recoñecidos como os ecoloxistas da Idade Media.

Estamos falando dun templo notable, pese a faltarlle o frontal, con seu pórtico e súas nobres arcadas e, tal vez, o rosetón. Descoñecemos o formato orixinal, mais coidamos que formaba parte do nomenclátor do cal visualizamos agora. A actual parede do frontal, alzada a contra reloxo, desafina, lamentablemente, ca harmonía no resto.

Este antigo mosteiro forma parte da miña vida, xa que descubrín esta espectacular arquitectura románica cando eu só tiña seis anos, nunha noite escura de marzo. Viña co meu pai e outros homes da poda das vides da nosa viña, situada nos rentes do río Miño, en Lagares. Naquel tempo,  a parte exterior do templo estaba caleada, e a súa brancura, naquela noite fusca, impactoume e tamén o feito de que aqueles homes mudaron a súa barulleira conversa por un auto imposto silencio, que uniron ao da frondosa natureza do entorno. Lembro, con saudade, cando aos meus dez anos, o meu pai manifestoume, facendo unha observación sobre as alzadas columnas: “Olla, olla ben como traballaba a romanía. Eses debuxos da cima son follas de arbores”.

Aqueles encontros foron os primeiros de tantos, algúns de carácter místico e misterioso, como cando, neste presbiterio escuro, os cánticos fúnebres, en gregoriano, apoderábanse da inmensa nave. Coido que o espacio natural de Pesqueiras, co seu santuario de pedra resplandecida, nos meus ollos e nos meus soños, colaborou a crear en min un espírito panteísta e un interese precoz de indagación; sempre soupen que aquelas esculturas estaban alí para durar e para contarnos ás nosas retinas de mensaxes misteriosas, que as pedras sempre gardan para a nosa sorpresa.       

Na porta sur, contemplamos unha excelente expresión do románico culto, unha serie de elementos austeros e vigorosos, que nos colocan nun escenario de elementos fitomórficos e xeométricos (fig.1), moi semellantes aos doutras  igrexas a ambas bandas do río Miño, a seu paso polas terras da comarca de Chantada, do Saviñao e Pantón. Nesta porta hai formatos de liñas verticais e círculos así como tres elementos esféricos, observados tamén noutros capiteis deste templo.

O capitel da dereita desta porta (fig.2) presenta unha serie de liñas verticais nas que se destacan varios símbolos que aluden directamente á conexión entre o universo celeste e o terreo. Estas verticais indican un estadio de elevación e reafirmación espiritual. As tres volutas en cada vértice do capitel proclaman un estadio elevado de caracter iniciático.

A continuación deste capitel, atopamos outro fitomórfico cuxa protagonista é unha folla de palmeira, símbolo da Igrexa mártir dos primeiros tempos do cristianismo e á cal lle conferiron carácter sagrado os primeiros pais daquela Igrexa (fig.3). A simbólica medieval atribuíulle tamén o significado do triunfo de Cristo, da súa cruz e, polo tanto, da salvación do ser humano. Lonxe de pretender ser un elemento puramente decorativo, o reclamo desta palmeira é remitirnos a toda a doutrina de significados depositada nesta árbore. Xa sacralizada desde cando se nos fala do Paraíso terreal, era unha das plantas de preferencia dos hebreos, tanto como símbolo da xustiza divina como pola súa producción de dátiles e materiais de construción e decoración. Usábanse para ovacionar ou recibir a persoeiros importantes, na antiga Palestina e pasou a integrarse en  certos aspectos sociais e litúrxicos dos cristiáns. Así, Xesús foi recibido con palmeiras na súa entrada triunfal a Xerusalén.

Na Biblia encontramos fermosas referencias á palmeira como esta de “O Cantar dos Cantares 7, 8, que di: “o teu ben semella á palmeira e os teus peitos ós acios. E dixen eu: ¡Subir hei á palmeira e coller hei os dátiles!” Este fascinante poema de amor, proclama na amada os dons e os froitos desta árbore. As palmeiras estaban no frontal do templo de Xerusalén que Salomón mandou construír, como se sinala no “Libro Primeiro dos Reis” 6, 32: “Nas dúas follas das portas de oliveira fixo gravar baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de grilandas de flores, e recubriunas de ouro, ben axustado ás entalladuras”. Cando o profeta Ezequiel, en 41, 18-28, danos a dimensión do santuario, expresa: “Os querubín tiñan dúas caras: unha cara de home en dirección á palmeira, do outro lado. As esculturas estaban sobre todo no santuario por todo o arredor. Desde o chan ata o van da entrada había querubíns e palmeiras esculpidas”. ¡Tal era a parede do santuario!”

 

O nome da palmeira en hebreo é tamar. Nos oasis de Siria, preto do río Eufrates, Salomón fundou a cidade dese mesmo nome, ºcon palacetes en medio da grandiosidade das palmeiras, como se menciona no Segundo Libro das Crónicas 8, 4, que sinala: “Fortificou Tamar, no deserto, e tódalas cidades de avituallamento que construíra en Hamat”.

Unha antiga tradición xudía amosa a palmeira como arquetipo da xustiza, polas súas ramas equilibradas en forma de balanza. No Salmo 92, 13, menciónase: “Os xustos medrarán como palmeiras”.

As diversas expresións positivas que os hebreos conferiron á palmeira no período salomónico, como rematamos de ver, repítense na cultura persa, exipcia, grega e latina. Advertimos como a visión da palmeira asumida na arte e simbólica cristiá primitiva foise desenvolvendo en séculos futuros con connotacións basicamente benéficas.

Pode que as palmeiras que se representan neste capitel da porta sur de Pesqueiras, con trazos simples, tamaños diversos e matizadas polo tempo nos leven a confundilas con outros arbustos. A folla que se representa no capitel desta porta sur, na súa parte central e en vertical, está constituída por nove elementos esféricos, o superior guarnecido pola propia folla e de maior tamaño que o resto. Representa as nove esferas celestes, as tres tríades ou número da transmutación. O nove foi un número clave e secreto para os templarios, catalogado como o número da absoluta perfección e relacionado coas estancias celestes. Na simbólica cristiá adquiriu este número diversos valores benéficos e unha serie de practicas populares supersticiosas.

 

No vértice superior de cada folla están esculpidas dúas  esferas que conteñen unha cruz. Na parte superior hai unha liña dupla en horizontal, cun remate nos dous laterais e no centro, en forma de espiral.

No primeiro capitel da esquerda, están representadas tres follas de fento (fig.4). Esta planta, tan presente nos campos ermos de Galiza, tamén ten apousento pétreo na arte románica, simbolizando soidade e humildade.

Non imos entrar nas propiedades botánicas dos fentos, mais diremos, de pasada, que na Idade Media lle outorgaron, tanto no campo da medicina, como no eido moral unha representación beneficiosa. Esta planta humilde e acubillada baixo a sombra de fragosos soutos e devesas, convivía cos labregos e viñateiros das ribeiras de Pesqueiras. Por tanto, o fento merece un protagonismo nos capiteis da zona, que o amosan reiteradamente.

A cada lado destas tres follas podemos ver nos seus nervios oito segmentos que nos indican o valor simbólico desta cifra como número celeste e de rexeneración espiritual e, tamén, de plenitude e perfección. Os segmentos de cada folla suman dezaseis, que simboliza o grado superior de perfección. Se multiplicamos os seis lados das tres follas polos oito segmentes, teremos o resultado de corenta e oito. As dúas cifras deste último número, o  catro e o oito representan a terra e as ordes celestes, o equilibrio e estabilidade cósmica, respectivamente. Así mesmo se sumamos o catro e o oito teremos a suma de doce: símbolo dos apóstolos e dos doce meses, converxencia entre o espiritual e o cósmico. No centro superior, entre cada folla, observamos novamente dous elementos esféricos, coa cruz.

© Reservados todos os dereitos desta publicación / Simboloxía do Románico de Chantada 2010


Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis