Plan para a mellora do contorno das Bernardas
Servirá para completar o paseo situado fronte ao mosteiro,
enlazando o núcleo de Ferreira coa praza do Curro. Actuarase ao longo duns 770
metros que forman parte da rede viaria municipal de Pantón.
Está previsto mellorar un treito en curva que carece de
beirarrúa nunha das marxes, ademais de ter un muro moi próximo á estrada que
dificulta o paso dos peóns e a visibilidade para os vehículos. A cesión dunha
porción de terreo por parte dun propietario permitirá derrubar o muro e dispor
de espazo para construír unha beirarrúa de pedra, en concordancia coas do resto
do traxecto. Posteriormente levantarase outro muro de pedra, igual que os que
xa hai no tramo, para delimitar a zona.
Tamén se pavimentará a calzada con aglomerado en quente -á
altura da recta fronte ao mosteiro e na praza do Curro-; e habilitaranse pasos
de peóns e sinalización horizontal e vertical. Instalarase alumeado público e
sistema de evacuación de augas pluviais, e levaranse a cabo as actuacións
precisas para adecuar as canalizacións eléctricas e de telecomunicacións.
A finais do ano pasado a Axencia de Turismo de Galicia
asinou un convenio coa Comunidade Cisterciense do Divino Salvador co fin de
adquirir mobiliario para a hospedaxe no mosteiro de Santa María de Ferreira de
Pantón, onde a Administración galega executou obras para acondicionar unha
hospedería e un espazo multifuncional que poderá acoller información
divulgativa da Ribeira Sacra e do mosteiro, declarado de Ben de Interese
Cultural coa categoría de Monumento desde 1975.
Investiranse 256.200 euros e as obras teñen un prazo de
execución estimado de tres meses. As empresas interesadas en presentar ofertas
poden facelo ata o vindeiro 7 de abril.