Preparan un Plan de Sustentabilidade Turística para a Ribeira Sacra

A Peroxa
6 Agosto 2020
Turismo
Redacción | 6 de agosto de 2020
A Ribeira Sacra optará a entrar nun Plan de Sustentabilidade Turística, que impulsará os valores do territorio como destino sustentable. O Conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, explicoulle hoxe aos representantes do Consorcio de Turismo de cada municipio esta iniciativa que contará cunha folla de ruta que deberán elaborar os propios concellos e será valorada polo Goberno Central. O proxecto axudaría no camiño para a declaración como Patrimonio da Humanidade.
O futuro Plan de Sustentabilidade Turística  está pensado para impulsar os valores da Ribeira Sacra como destino verde ligado á aposta polo medioambiente e a paisaxe cultural. Representantes do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra mantiveron hoxe un encontro co Conselleiro de Cultura e Turismo en función, Román Rodríguez.

Nos Peares, na sede do Consorcio, emprazada en territorio da Peroxa expuxo os detalles desta iniciativa, na que colaborarán a Xunta o Goberno Central e as entidades locais e que ten por obxectivo reactivar o sector turístico con actuacións sustentables para o medio e o territorio. A comunidade galega será a encargada de coordinar esta acción e remitirlle propostas ao Ministerio formuladas dende os destinos que opten a esta iniciativa que se desenvolverá nun periodo de tres anos e contará cun orzamento de 3 millóns que achegará o Estado, a comunidade autónoma e as entidades locais beneficiarias. Serán estas as encargadas de elaborar a proposta que posteriormente estudará a Secretaría de Estado de Turismo. 

A Ribeira Sacra encadraríase na vertente dos destinos rurais ou de interior que ten por obxectivo poner en valor recursos como o patrimonio cultural ou medioambiental. Para o titular, en funcións, da Consellería de Cultura esta comarca cumpre con boa parte dos criterios específicos ao tratarse dun territorio definido, que conforma unha marca turística diferenciada caracterizada pola súa paisaxe cultural, que encara a recta final para ser declarada Patrimonio da Humanidade no 2021. Precisamente oa espazos protexidos e recoñecidos pola UNESCO integran un dos criterios valorables para entrar no Plan de Sustentabilidade Turística. Entre as actuacións que se financiarán no marco deste programa destaca a creación de novos produtos, a sinalización de recursos, actuacións de embelecemento de cascos históricos ou a aplicación de novas tecnoloxías para o seguimento da demanda turística.

Concello
Concello A Peroxa
A Peroxa Saber máis