Proendos deixará á vista o seu gran hórreo romano

Sober
29 Setembro 2021
Patrimonio
Redacción | 29 de setembro de 2021
O hórreo romano de Proendos xa está a vista e será visitable. Trátase dunha construción única no noroeste peninsular pola súa dimensión e que dá unha idea da mangnitude do que fora a lenda da antiga Proencia, agora con restos palpables despois da campaña arqueolóxica reactivada nos pasados días nesta parroquia de Sobercoa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Sober.
O hórreo romano de Proendos xa está a vista e será visitable. Trátase dunha construción única no noroeste peninsular pola súa dimensión e que dá unha idea da mangnitude do que fora a lenda da antiga Proencia, agora con restos palpables despois da campaña arqueolóxica reactivada nos pasados días nesta parroquia de Sober.

A Xunta de Galicia e o Concello de Sober colaboran neste proxecto que pretende poñer en valor os restos atopados e en fase de coidados por parte de Tempos Arqueólogos e dirixidos por Francisco Alonso Toucido.

Os traballos en marcha dan continuidade ás actuacións impulsadas neste espazo os últimos anos e que xa sacaron á luz restos romanos do século I ao V que foron amosados esta semana nunha visita guiada á que acudiu numeroso público interesado na historia e no pasado deste enclave da Ribeira Sacra.

A primeira das actuacións centrouse na zona onde se atopa a estrutura tipo hórreo, mentres que a segunda sondaxe sitúase nunha zona do xacemento próxima a igrexa de Santa María de Proendos para comprobar a posible existencia dunhas estruturas circulares.

Neste lugar tense constatado desde antigo, a través de achados casuais e intervencións non sistemáticas, a aparición de significativas evidencias materiais de adscrición romana que van desde un gran número de fragmentos de tégula, ladrillos e cerámica, ata varios fragmentos de columnas, capiteis, basas, epígrafes e restos de canalizacións de granito, moitos dos cales aínda se conservan nos muros de peche e no interior das casas a actual aldea de Proendos, tal e como amosou a Canle Ribeira Sacra nun vídeo realizado na pasada campaña coa colaboración da veciñanza.

Os últimos traballos impulsados neste xacemento xa constataron a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Unha calefacción da época. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana. A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.

A prospección impulsada polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitiu constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.

Fotografías: Tempos Arqueólogos
Concello