Restauración en San Vicenzo de Pombeiro

Pantón
3 Marzo 2021
Patrimonio
Redacción |3 de marzo de 2021
San Vicenzo de Pombeiro aparece como unha sorpresa,  unha desas xoias do noso pasado, cando se atravesa a antiga estrada que conduce a Os Peares dende Ferreira, no municipio de Pantón. Este templo foi mosteiro medieval e foi declarado Ben de Interese Cultural por conformar unha das pezas fundamentais do rico románico galego. A Xunta vén de adxudicar por máis de 260.000 euros os traballos de restauración, conservación e mantemento da igrexa. 
San Vicenzo de Pombeiro aparece como unha sorpresa, coma unha desas xoias do noso pasado, cando se atravesa a antiga estrada que conduce aos Peares dende Ferreira, no municipio de Pantón. Este templo foi mosteiro medieval declarado Ben de Interese Cultural por conformar unha das pezas fundamentais do singular románico galego.

A Xunta vén de adxudicar por  algo máis de 260.000 euros os traballos de restauración, conservación e mantemento da igrexa. A consellería de Cultura destinará estes fondos para solventar os problemas de humidade e entrada directa de auga a través da cuberta. Ademais mellorarase a carpinteiría das fiestras, a fachada, a sancristía e o acceso a través do adro.

En concreto, substituirase toda a cuberta, renovaranse os rexuntados das fachadas exteriores, reordenarase o espazo da sancristía substituíndo a porta de entrada e peche e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso. O prazo de execución dos traballos será de seis meses unha vez iniciados.

Esta acción integra as levadas a cabo dentro da estratexia de posta a punto da Xunta relacionada coa candidatura da Ribeira Sacra a ser declarada Patrimonio Mundial . Fontes do goberno galego quixeron lembrar que dende  o inicio da candidatura, no ano 2017, a administración autonómica destinou 4,5 millóns de euros para poñer en valor preto dunha vintena de bens patrimoniais de orixe relixiosa que conforman parte da paisaxe cultural deste territorio. En concreto fixéronse melloras en Santo Estevo de Atán ou o Mosteiro de Santa María de Ferreira, ambos no concello de Pantón; están en marcha actuacións inmobles como a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo ou a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, entre outros monumentos.

A igrexa de San Vicenzo de Pombeiro, ao igual que outros mosteiros da zona, tivo as súas orixes na Alta Idade Media, cando os anacoretas poboaron as terras da Ribeira Sacra. En concreto, data do último terzo do século XII e da primeira metade do século XIII. Conta cunha planta basilical de tres naves e cabeceira tripla. De fábrica románica conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior. No seu interior atesoura elementos moi destacados, como o conxunto de retablos, especialmente o maior, de principios do século XVIII, vinculado ao obradoiro de Francisco Castro Canseco, e o ciclo de pinturas murais que se descubriron no 1996, que foron restaurada e que representan a Santa Cea, as lamentacións sobre o cristo morto, o xuízo final así como outras escenas como o nacemento de cristo ou Santa Ana.

Concello
Concello Pantón
Pantón Saber máis