Ribeira Sacra Sustentable

Ribeira Sacra
5 Outubro 2020
Outros Arquivos
Lorena Gallardo | 5 de outubro de 2020
Atesouramos moitas frontes abertas e militamos nun momento crucial para o mundo e para o noso micromundo (a Ribeira Sacra). Nel, a veciñanza que mantén vivo o territorio debe ser o centro de toda acción. Se non, non haberá sustentabilidade que valla nin etiqueta que a sosteña.
Énchesenos a boca ao falar de sustentabilidade ou sostibilidade. Pero en que nos sustentamos para dicir que non estamos a falar dunha etiqueta de moda? Como facer que non quede nun  adxectivo de marketing, nun apelido que lle acae a case todo neste mundo de compravenda, nesta era da carreira cara a postpandemia?

Converter en obxectivo real a sustentabilidade dun planeta e dunha especie que non se sostén por ningún lado vai moito máis aló do que mercamos rapidamente como ‘sostible’. Alimentación e cultivos sostibles transportados dende as antípodas deica os estantes do supermercado; moda sostible e orgánica que adquirimos mentres o transporte aéreo no-la achega contaminante e velozmente con toda a súa etiqueta, mentres a dona da tenda de roupa do barrio bota o peche para sempre porque creba sen que lle ollemos nin o escaparate; inaccesibilidade económica da meirande parte da poboación mundial a determinada parte da produción ecolóxica; Noruega ocupa o cuarto lugar en Europa do Índice de Coherencia de Políticas para o Desenvolvemento Sostible, mentres é un dos principais exportadores de petróleo e gas do mundo, con todo o custe ambiental que iso ten…

Podemos poñer infinitos exemplos das incoherencias difíciles de superar e que, vaia por diante, case todas e todos temos ao noso nivel. Vemos e practicamos sustentabilidade e ecoloxismo onde máis nos convén ata que non entendamos que pensar unicamente non sustento propio non é nada sostible. Que o reto é, coma sempre, ler a etiqueta dende un punto de vista crítico e que chegue un momento en que nin sequera sexa preciso empregala.

Con todo, temos a fortuna de contar no rural cunha vontade e numerosos exemplos de proxectos de vida, iniciativas económicas e accións verdadeiramente sostibles. Algunhas delas, sen querer, non coñecen a letra pequena, nin sequera a etiqueta que poderían lucir para vender máis, e sen desmerecer.

O conflito é case un tópico e está en abrirnos a unha humanidade en movemento- en adaptarnos á globalidade como creadores/as e emprendedores/as innovadores/as e como consumidores/as responsables- sen dar as costas ao local, por onde empeza todo. Andar cos tempos pero sen deixar de ter os pés na terra. E é neste contexto onde a etiqueta chega, como non, ao territorio.

Esta semana a Ribeira Sacra foi confirmada como un dos destinos turísticos españois nos que se executará un dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino a tres bandas entre o Goberno Central, o goberno da Xunta e os Concellos. Uns 3 millóns de euros para un “destino de interior e que teñen por obxectivo poñer en valor recursos como o patrimonio cultural ou medioambiental. Estratexia que está pensada tamén para afrontar o reto demográfico a través do desenvolvemento do turismo. Será mediante a recepción de visitantes con capacidade de gasto e cun tipo de turismo que non sexa lesivo para o medio”. Pero, como se fai iso? E é aquí onde temos que poñernos críticos/as ao ler as etiquetas e manternos vixiantes para facernos nós mesmos/as sostibles como habitantes do territorio e única salvagarda do seu benestar.

Por aquí un plan de sustentabilidade, por alí a firme candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial pola Unesco, a evidente e, case sempre, moi boa promoción do territorio como destino de calidade e cuns viños cada vez máis valorados... Sen dúbida, hai contido (vánnolo dicir a nós!) e hai consenso: Todos/as queremos investimento para o territorio (pero que repercuta a longo prazo nos seus habitantes); protección do patrimonio cultural e natural (pero que conviva co desenvolvemento da escasa actividade económica da reducida poboación local) e visitantes que empurren a fortaleza do sector turístico (pero tamén xente que se quede a vivir dignamente e economía máis aló do sector da esperanza).

Atesouramos moitas frontes abertas e militamos nun momento crucial para o mundo e para o noso micromundo (a Ribeira Sacra). Nel, a veciñanza que mantén vivo o territorio debe ser o centro de toda acción. Se non, non haberá sustentabilidade que valla nin etiqueta que a sosteña.

Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra