Sen Pelos na Lingua. Historias de Neofalantes. Alba Grande

Ribeira Sacra
13 Febreiro 2023
Educación
Redacción | 17 de febreiro de 2023
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, Chantada Comunicación e a Canle Ribeira Sacra lanzan o proxecto audiovisual ‘Sen pelos na lingua. Historias de Neofalantes'
A finais do ano 2021 Chantada Comunicación S.L. e a Canle Ribeira Sacra colaboraron nun novo proxecto audiovisual enfocado na difusión da lingua galega e no fomento da autoestima e a
posta en valor do uso xeralizado do galego co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. ‘Sen Pelos na Lingua. Historias de Neofalantes’ é unha serie de sete pezas audiovisuais que relatan, a través de distintos perfís persoais, diferentes historias de amor pola lingua que unen a persoas de distintas orixes e procedencias que integran ese esperanzador colectivo dos novos falantes do galego.

Sete neofalantes de distintas nacionalidades, incluso galegos e galegas, que deron o paso en prol da fala, fálannos da súa vida cotiá e da presenza que ocupa o idioma nas súas vidas. Os motivos que os levaron a atreverse co galego, os contextos de aprendizaxe, as ideas sobre o futuro da lingua, a cantidade de anécdotas vividas en relación ao seu uso ocupan parte destes áxiles e entretidos relatos. Deste xeito, a serie de entrevistas percorre dende o rural ourensá e a Ribeira Sacra luguesa ata as cidades de Lugo e A Coruña. O obxectivo destas pezas educativas e creativas é, á vez que sensibilizar a prol do uso da lingua galega sen complexos, amosar o territorio, entreter e reforzar o futuro da lingua a través da experiencia de quen a fixo súa por diversos motivos. Ao tempo, as pezas teñen un enfoque social e documental que conta, nalgúns casos, a experiencia de persoas neorrurais como exemplos do novo mapa demográfico de Galicia. Son a miudo ‘neofalantes’ para os/as que a lingua galega, a fala da terra que os acolle, representa un engadido cultural ás veces; unha necesidade comunicativa outras, e unha maneira de posicionarse no mundo. Outras persoas, dende o ámbito urbano, artístico e educativo lideran lideran, por outra parte, moitos proxectos de vida singulares que amosan as oportunidades da lingua.

As pezas mesturan paisaxes e conversas frescas e pretenden chegar a todos os públicos, tamén ao xuvenil, a través da súa difusión a través da rede. Nesta semana lanzaranse a través da canle de Youtube de Política Lingüística e simultáneamente a través da propia Canle Ribeira Sacra. Podes ver xa todas as pezas da serie na plataforma YouTube na canle oficial @politicalinguistica
Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra