Sober moverá os seus miradoiros cunha orixinal programación
Nas redes sociais do Concello de Sober irase presentando unha paisaxe humanizada a través das súas xentes ao tempo que se irá dando a coñecer a oferta turística do municipio para atraer novos visitantes. Tamén se levarán a cabo actividades promocionais para todos os públicos, como concertos, cursos de iniciación á fotografía, cursos de pintura ao aire libre, cursos de cata, observación de estrelas e de aves, xornada de lectura interpretada, así como unha xornada de portas abertas á igrexa de San Xoán de Lobios para contemplar os seus murais. Os nenos tamén terán o seu espazo nesta programación con cursos de pintura, contacontos, e visita ás pinturas murais de Lobios, entre outros.
A proposta completarase con publicacións específicas de cada
miradoiro, así como cunha guía de rutas turísticas. O alcalde, Luis Fernández
Guitián, sinalou que “imos promocionar
os nosos miradoiros, atraer turistas e mellorar a sinalización e accesos, ao mesmo
tempo que damos a coñecer a través dos nosos profesionais a enorme oferta
cultural, gastronómica e turística que temos en Sober”.