Unha trintena de adegas participarán na 25ª Cata dos Viños da Ribeira Sacra
Ribeira Sacra
25 Xuño 2019
Viño
Redacción | 24 de octubre de 2019
A Ribeira Sacra valorará os días 4 e 5 de xullo os viños da última colleita. Será na Cata dos Viños da Ribeira Sacra organizada dende o propio Consello Regulador da Denominación de Orixe. Preséntanse un total de 67 viños pertencentes a 31 adegas. En concreto 32 viños tintos, 17 viños brancos e 18 doutras anadas ou con barrica. Será a 25ª edición do certame no que a propia D.O. avalía os seus viños. O panel de cata estará integrado por expertos/as de todo o territorio español.
O Consello Regulador detalla nunha nota os requisitos xerais deste proceso de cata na que se valoran os viños en tres categorías:
-Viños Brancos: viños Ribeira Sacra Súmmum Branco correspondentes á colleita 2018, podéndo presentarse á cata tantas marcas como a adega desexe. O volume mínimo da partida non deberá ser inferior a 1000 litros. As existencias mínimas no momento da recollida serán de 500 botellas.
-Viños Tintos: viños Ribeira Sacra Tinto correspondentes á colleita 2018, tamén podendo presentarse tantas marcas como a adega desexe. O volume mínimo da partida non deberá ser inferior a 1000 litros. As existencias mínimas no momento da recollida serán de 500 botellas.
-Viños doutras Anadas ou envellecidos en barrica: viños Ribeira Sacra de colleitas anteriores á colleita 2018 que non participaran en ocasións previas nesta cata e tamén os viños madurados en barrica na colleita 2018. O volume mínimo da partida non deberá ser inferior a 500 litros. As existencias mínimas no momento da recollida serán de 300 botellas.
Loxicamente na poden participar os viños elaborados por adegas inscritas nos rexistros da D.O. Ribeira Sacra que se atopen en fase de comercialización.
Nas categorías de Brancos e Tintos establécense 3 premios: Medalla de Ouro, Medalla de Prata e Medalla de Bronce. Na categoría doutras Anadas establécense 2 Medallas de Ouro. A entrega de premios realizarase o día 5 de xullo coincidindo co final da Cata e no xantar de confraternización da D.O. Ribeira Sacra, no balneario de Augas Santas de Pantón.
Varios técnicos do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra recollerán as mostras durante os próximos días, elixindo 3 mostras ao azar de entre o stock da adega. O notario procederá ao embolsado, precintado e numerado das devaditas botellas, que permanecarán custodiadas deica a celebración da Cata. Os viños cataranse por series, comezando polos Viños Brancos e terminando cos viños doutras anadas. O número máximo de viños seleccionados que pasarán á Cata final será de 10 para a categoría de Viños Tintos e 6 para as categorías de Viños Brancos e Viños doutras Anadas.
Panel de Cata 2019:
Víctor Cortizo Fontán, Representante da Asociación Galega de Enólogos ; Humberto Loureiro Argullós, Representante da Asociación de Sumilleres Gallaecia; Ana María Martín Abild, Sumiller pola Escola Española de Cata, Wine & Spirit Education Trust (WSET), Diplomada en Turismo, Xurado de diversos concursos de viño nacionais e insulares, Co-propietaria de Winesoul Consulting; María Isabel Mijares e García de Pelayo, Fundadora e vicepresidenta da Unión Española de Catadores e vicepresidenta da Federación Internacional de Xornalistas e Escritores de Viño, membro da Real Academia Española de Gastronomía, coordinadora e directora da Guía Repsol dos Viños de España, fundadora e directora de Equipo Team S.L; Estrella Gabriel Rodríguez, Membro do Panel de Cata da Guía Repsol dos Viños de España; Miguel Ángel Martín, Vicepresidente Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño, Colaborador programa "Comer e Beber" emisión nacional en Xestiona Radio; Francisco Sauco Sánchez-Casas, Presidente da Academia Extremeña de Gastronomía, Presidente do Foro de Academias Autonómicas de Gastronomía, Académico numerario da Real Academia de Gastronomía, Membro de Xurados Nacionais e Internacionais de Cata; Manuel Ángel Capote Pérez, Representante CERVIM, organismo internacional para a valorización da Viticultura Heroica; Waldo Carreiras Albo, Representante Consumidores Consello Regulador D.O. Ribeira Sacra; José María Martínez Alonso, Representante Distribución Consello Regulador D.O. Ribeira Sacra; Adela Richer Moreno-Luque, Socia fundadora de Impronta Eventos, empresa organizadora de eventos sobre viño, Directora Comercial de International Award VIrtus e parte do panel de cata deste certame.
Concello
Ribeira Sacra