Xugueiras con mulidas de pel de can. Por Xosé Lois García

Unha escena que rara vez se repite, felizmente, dado que as
tres clases de xugos que se utilizaron na Galiza, foron os de canga, pialla e
mulida. O primeiro deles facíase dunhavara de carballo que se cortaba en lúa
chea. Quentábase no lume ate que permitía dobregala ate o punto desexado. O bo
cangueiro escollía un caxigo de carballo e sen cortalo poñíalle unhas cordas
que o domaban e cando consideraba que era apto para a súa misión, tallábao.
Mais os xugos de canga eran moi perigosos se a carga do carro ía derradeiro,
podía afogar unha vaca ou boi. O xugo de pialla era o mesmo formato, mais en
vez de canga levaba dous fustes de madeira e na parte inferior estaban unidas
por un cordel ou soga qu, en caso de accidente, cortábase o cordel para evitar
o perigo das reses.
O de mulida era o que máis facía sufrir aos bois paralizándolles
as xesticulacións da cabeza. Dado que este formato de xugo ía atado á
cornamenta da xugada, por unas longas correas de coiro que se introducían por
uns orificios chamados casteleiros. Uns entrantes na cimeira e extremos do
xugo. Entre a cabeza dos animais e o xugo colocábase un armazón moi ríxido,
chamado mulido, para evitar que a carga non ferise a testa dos bois, dado que
todo o peso recaía neses extremos. Os xugos da nosa labregancia destacaban pola
decoración artesanal que levaban na parte frontal e de moldes moi semellantes.
No centro do xugo leva unha cruz de baixo relevo e a cada lado as iniciais do
propietario do xugo. Na superficie frontal levan gravados símbolos xeométricos
e motivos naturalistas.
O verdadeiro nome de mulida dáselle á pel que cubre o
mulido, as correas, as cabeceiras de cada boi e os extremos do xugo. Esa pel de
cobertura era de can. Aquí ven a parte tráxica para estes animais, os amigos e
defensores do home, que eran sacrificados baixoun ritual macabro. Despois dun
mes de nacer un can, os donos ou pretendentes dese can, xa tiñan unha
orientación da corpulencia do animal e seleccionábase o can que combinaba coa
pel dos bois, non sempre. Como norma selectiva tiñan preferencia os machos,
coidaban que a pel das cadelas era menos resistente e que había que reservalas para
criar cachorros. Até nisto bulía o verme machista no imaxinario dos que
admitían ao can como superior en varios atributos que a ignorancia lle
concedía, e as femias tiñan un escalo inferior no desprezo desas valoracións.
Antes de acadar a idade de dez anos, aproximadamente,
concretábase o día do sacrificio e que estivera dentro do período da lúa chea.
A primeira vez que asistín a este tipo de asasinato, eu tiña sete anos e estaba
moi motivado polas impresións novidosas e descubertas de inusitadas aventuras.
Naquel trance, acompañei aos tres veciños que ían matar o can, que non
impediron a miña curiosidade. O dono do can levábao atado cun cordel, outro
veciño levaba a escopeta en bandoleira e o terceiro levaba tres coitelos e un
embrollo de rollas e farrapos para limpar as maos. No chousiño ataron o can a
un carballo e o cano da arma achegado á cabeza e de súpeto ouviuse a soada do
disparo, e un berro súbito e seco e o can tombou. Era o can castaño que eu
aloumiñaba cada día.
Os tres veciños entraron en movemento e un deles daba ordes:
“Cortádelle a cabeza e abrilo antes de que o corpo se poña rexo, senón a pel é
mala de sacar!” Sacada e embrollada aquela pel levárona ao pallar onde tiñan un
amplo taboleiro, estirárona e cravárona polos beirais e procederon a curtila,
sacándolle a gordura da pel, e cubrírona cunha capa de sal moi groso e ao cabo
de dez días substituíron o sal por cinza, así estivo varios meses até que pasou
a cubrir a testa e o frontal da xugada de bois. A mulida tiña a función de
cubrir os mulidos e as correas de contención e guarnecer as cabezas inmobilizadas
da parella de bois das moscas e das choivas.
Sen ánimo de facer experiencias na disciplina etnolóxica, a
foto que me enviou a amiga citada, o imaxinario fíxome concorrer a aquelas
imaxes impresionistas que remato de esclarecer. Eran tempos inmóbiles onde o
peso das sombras deixaban rastro e conmoción para un neno daquela idade. Que
valor e respecto tiña un can, cando un ser humano polo feito de pensar distinto
ao poder establecido, recibía un tiro na caluga naqueles tempos de “Negra
sombra” e da “Longa noite de pedra”. Grazas aos novos amenceres, auroras e
entusiasmos que iluminaron a mudanza cara novos tempos. A presenza dos
tractores, a finais dos anos cincuenta, viñeron a liberar a vacas e bois do suplicio
de ficar inmobilizadas as súas cabezas polas correas desa implacábel xugueira e
polo peso de sorprendentes cargas. O tractor tamén liberou a moitos cans de ser
asasinados para converter a súa pel en utilidade vergoñosa e exhibila no
frontal da cabezalla. Aínda que aquel estadio temporal pertence ao pasado, o
abandono, o desprezo e o asasinato de cans está á orde do día. Espero que a
alma daquel can que eu vin asasinar, teña un agradábel apousento xunto ao can
de S. Roque.
