Avalíanse as consecuencias da sarabiada nas viñas e reclámanse axudas directas

Chantada
17 Xuño 2021
Sector Primario
Redacción | 17 de xuño de 2021
Técnicos da Estación de viticultura e enoloxía de Galicia avaliarán este venres os danos ocasionados pola sarabiada nos viñedos de Chantada. Farano en coordinación coas oficinas agrarias. Un día despois dunha treboada sen precedentes na zona, os técnicos da Xunta constataron que nunha superficie de preto de 60 ha as vides quedaron sen follas nin acios, aínda que haberá que agardar uns días máis para que se manifesten a totalidade dos estragos.


 
Técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía (Evega) deprazaranse a Chantada para asesorar este venres aos viticultores afectados pola treboada de pedrazo deste mércores. Farano en coordinación co persoal das Oficinas agrarias comarcais .

Pola súa parte, o conselleiro do Medio Rural, José González, que, segundo afirman dende o seu departamento nunha nota de prensa, hoxe comprobou de primeira man os danos causados pola sarabia  acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.

Os profesionais da EVEGA encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellables, co obxecto de minimizar as perdas.

Nun primeiro percorrido pola zona, os técnicos constataron que nunha superficie de preto de 60 hectáreas da parroquia de San Fiz as vides quedaron sen follas nin acios e que tamén houbo afeccións, aínda que en menor medida, nas parroquias de Pesqueiras e Líncora, en Chantada, e nas de Rebordaos e Diomondi, no concello veciño do Saviñao. Con todo, o conselleiro apuntou que haberá que agardar uns días máis para que se manifesten o total dos estragos.

Dende a Xunta lembran o número de teléfono 982 889 112, correspondente á OAC de Monforte, para que os produtores e adegueiros afectados poidan resolver dúbidas e solicitar asesoramento, recalcando que dito número estará activo tamén durante a vindeira fin de semana.

 

Seguros agrarios

O conselleiro tamén aproveitou para facer un chamamento ao conxunto dos produtores da nosa comunidade, para que se acollan á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro para fomentar os seguros agrarios. Así, destacou que as achegas da Xunta para fomentar a contratación das pólizas agrarias ascende neste 2021 aos 6 millóns de euros, un 20% máis que o orzamentado o ano pasado.

Nesa liña, insistiu na necesidade de asegurar os cultivos fronte a incidencias deste tipo, lembrando que os danos en explotacións debido a fenómenos meteorolóxicos extraordinarios están cubertos polas pólizas agrarias. A idea da contratación destes seguros sería, segundo sinala o conselleiro, que os pequenos produtores poidan obter rendas dignas malia sucesos como o de onte.

Cabe sinalar que o prazo de contratación das liñas de seguro está aberto ata o 15 de novembro -segundo a liña da que se trate- e que a axuda correspondente se recibe no momento da contratación. José González apuntou que a Xunta concede estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2021 e de liñas gandeiras dos plans 2020 e 2021, formalizadas este ano. Dende este departamento envían o enlace á orde referida no DOG:

 

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210114/AnuncioG0426-281220-0003_gl.html

 

Declaración de Zona Catastrófica

Organizacións agrarias e tamén políticas reclamaron, horas despois do sucedido axudas directas aos damnificados desta treboada, como é o caso do Sindicato Labrego Galego e Por Chantada-CUP. Tamén o Concello valora solicitar, segundo transcendeu nalgúns medios, a declaración de zona catastrófica.

Dende Por Chantada aluden, ademais, que as axudas directas que solicitan por parte da Xunta “coa máxima celeridade” tamén irían máis aló do valor económico, atinxindo ao valor patrimonial, máxime nunha zona que está dentro da proposta da candidatura a Patrimonio da Humanidade. Sinalan que corresponde ao Concello de Chantada iniciar os trámites para documentar a solicitude de zona de desastre natural co apoio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

 

O Sindicato Labrego Galego engade, ademáis da petición de axudas directas para a perda das colleitas tal e como se fixera en 2016, se teña en conta que as treboadas levaron por diante valados e socalcos e tamén afectaron as estruturas dalgunhas adegas tradicionais. Por outra banda, engaden, “agardemos que, nesta ocasión, a Xunta non nos veña coa escusa de que “todo o asegurable non é subvencionable”.

Este novo golpe súmase ás perdas acumuladas por mor da pandemia no sector vitivinícola

Concello
Concello Chantada
Chantada Saber máis