Prepara o encadramento e fai clic! Tres concursos fotográficos na Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
29 Novembro 2018
Cultura
Redacción | 29 de novembro 2018
Tanto se te adicas á fotografía como se es amante desta disciplina pero aínda non deches o paso hai tres convocatorias abertas para que penses que queres rexistrar, collas a cámara e te adentres na Ribeira Sacra. É o pano de fondo de varios concursos fotográficos abertos á cidadanía. Por unha banda o I Concurso de Nadal de Segredos de Pantón que organiza o colectivo do mesmo nome. Pola outra o II Concurso Fotográfico Christina Snellman «VIÑA SACRA» , que organiza a Asociación de Amigos de Manuel Jorge de Chantada. Tamén está aberto o prazo para o II Concurso fotográfico del Camino de Invierno que organiza a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.
A viticultura da Denominación de Orixe

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada convoca o II Concurso Fotográfico Christina Snellman adicado nesta ocasión ó mundo da viticultura no contexto da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra. Baixo o nome VIÑA SACRA este concurso ten como obxectivo acadar miradas diversas arredor do mundo da viticultura nas diferentes etapas do ano e o proceso de elaboración do viño, A aproximación pode ser diversa: etnográfica, paisaxística,... Ademais dun premio para  persoas adultas hai unha categoría escolar, na que se poderán inscribir centros educativos de Primaria e Secundaria.  Podedes participar ata o 14 de xaneiro e ver toda a información e as bases aquí.

Capturar Segredos do outono/inverno en Pantón

A paisaxe de Nadal é o eixo arredor do que xira o I Concurso fotográfico de Nadal Segredos de Pantón. A premisa é que as fotografías deben reflictir paisaxes outonais e invernais rexistradas no Concello de  Pantón. O colectivo busca un proceso de selección participativo e para isto creará un álbum na rede social Facebook  chamado  I Concurso fotográfico de Nadal de Segredos de Pantón, Coñeces Pantón? no que as persoas que o desexen poden emitir o seu voto. Podes enviar a túa obra ata o 30 de decembro e consultar as bases aquí.

Unha instantánea do Camiño de Inverno

O outono dende o Camiño de Inverno a Compostela. Esta é a temática que propón a Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra co II Concurso fotográfico del Camino de Invierno. O seu principal obxectivo é divulgar este Camiño e convidarche a percorrelo nesta estación e para iso abre este concurso fotográfico. Tes ata o 30 de decembro para participar, aquí as bases.

Xa sabes, tes tres convites abertos para dar a coñecer o mellor da túa obra e á súa vez este territorio dentro e fóra das súas fronteiras. E se a túa proposta non resulta gañadora o premio xa o levas de antes: ter coñecido algún dos segredos dun territorio post-vendima que se prepara para o Nadal.
Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra