Vinte anos de traballo e pasos adiante no Camiño de Inverno

Monforte de Lemos
29 Abril 2019
Cultura
Redacción | 29 de abril de 2019
A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra festexou o seu XX aniversario. Unha conmemoración de anos de traballo de divulgación e polo recoñecemento do Camiño de Inverno como ruta xacobea oficial. Música, exposicións e incesantes actividades paso a paso polos Camiños serven para afrontar novos retos coma o que o ultrafondista Fernando Ibarra comeza nos vindeiros días en prol da defensa desta peregrinación a través do deporte.

O tempo pasa voando, e sobre todo cando se pasa traballando e gozando. Iso debeu ser o que pensaron os primeiros integrantes da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra durante a celebración das súas dúas décadas en activo.

A asociación que traballou polo recoñecemento e promoción do Camiño de Inverno, encabezada dende aquela por Aida Menéndez, festexa este aniversario en cada unha das súas incesantes actividades ao longo de todo o ano. E ano tras ano: rutas por este e outros camiños de peregrinación, xornadas divulgativas, viaxes e tamén edición de material como a guía reeditada que se presentou no Centro do Viño no marco dun conxunto de accións. A visita guiada aos carteis que cada ano amosaron as Xornadas do Camiño de Inverno e mesmo un concerto a cargo de Amancio Prada na igrexa dos Escolapios.

 O evento logrou unha gran resposta e tampouco o perderon algunhas autoridades como foi o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ou o de Economía, Francisco Conde.

O conselleiro fixo un repaso á traxectoria da entidade con fitos como a oficialización desta ruta tras a aprobación da Lei de patrimonio cultural de Galicia, en 2016. As olladas están postas agora no vindeiro Xacobeo 2021. E na candidatura da Ribeira Sacra para ante a Unesco para que a paisaxe cultural, que atravesa este camiño de peregrinación, sexa recoñecida oficialmente como Ben Mundial en aras da súa protección.

 Antes, outros retos coma o que por segundo ano protagonizará o ultrafondista Fernando Ibarra, que se propón percorrer en 48 horas o Camiño de Inverno dende Ponferrada deica Compostela entre os días 3 e 5 de maio. O obxectivo unha nova proba de aventura para este deportista e a difusción da ruta que atravesa Valdeorras e a Ribeira Sacra, a través do deporte.

Concello