Accións solidarias por Nadal na Ribeira Sacra

Ribeira Sacra
14 Decembro 2018
Social
Redaccion | 14 de decembro 2018

As luces das rúas levan semanas prendidas e xa falta pouco para o Nadal, unha época asociada a encontros familiares, a comidas copiosas, a horas extra de lecer e á compra e recepción de agasallos. Para nós que temos privilexios. Porque o Nadal evidencia particularmente as desigualdades sociais por razón de clase social, xénero, idade lugar de procedencia, entre outras. Atendendo a isto son moitas as accións impulsadas na Ribeira Sacra que buscan ofrecer axuda ás persoas que sofren discriminacións.

Monforte. O venres día 14 ás 20h terá lugar na Casa da Cultura unha proposta escénica da compañía Nova Escena Teatro. A peza será 'As Fillas de Eva'. O custo é  5€ é o prezo da entrada irá destinado á ONG Ancianos del mundo. O vindeiro domingo 16 de decembro a Explanada da Compañía acollerá a partir das 16:30 h. un evento de recollida de xoguetes. Nunha carpa habilitada para a ocasión haberá atraccións infantís de balde e animación especial, ademais dun concerto solidario dos Gin Toni's, banda especializada na versión de clásicos do rock estatal. Toda a info aquí.

A Asociación Camino de Invierno por Ribeira Sacra organiza tamén a III Cena Solidaria a beneficio de Cáritas Diocesanas. O obxectivo é recadar cartos para familias con baixos recursos. A cea terá lugar no restaurante Don Manuel o vindeiro sábado 15 de decembro ás 21:30. Contarán coas actuacións desinteresadas do grupo musical de Sober, Os Parentes e o mago Alfonso X.

Sober. O 21 de decembro ás 12h. terá lugar o Festival Escolar de Nadal no que participa o alumnado do PAI de Sober e o do CEIP Virxe do Carme. O mesmo día pola tarde, a partir das 18h. celebrarase no Centro Sociocultural o Festival Solidario de Nadal a cargo da Escola Municipal de Música de Sober.

Pantón. O día 28 de decembro ás 20h. terá lugar un concerto solidario da Banda Folk de Ribas de Sil. Será no Edificio Sociocultural de Pantón. A entrada será libre previa doazón mínima dun kg de alimentos non perecedoiros. Ademais está aberta unha campaña de recollida de alimentos no local de Servizos Sociais do Concello todos os días de 08h a 15h. Toda a información aquí.

Chantada. O sábado 22 de decembro ás 20h. na Igrexa Parroquial de Santa Mariña terá lugar o II Concerto solidario e pregón de Nadal a favor da ONG de apoio a Nicaragua AXUNICA. Contarán coa presenza de Viki Alejo Ogaza da ONG e Manuel Regal Ledo dará o Pregón. As actuacións correrán a cargo da Rondalla O Carballo Vello, Ana Rúa Souto e nenos e nenas da catequese parroquial. A Asociación de Empresarios de Chantada, o CCA Ribeira Sacra e o Recuncho Solidario tamén colaboraron coa iniciativa 'Elfos y Calcetines' para que ningunha crianza quede sen agasallo este Nadal. O prazo estivo aberto dende o 3 de novembro ata o 30, se non chegache a tempo infórmate aquí de vindeiras campañas.  

Castro Caldelas
. 'Por un Nadal feliz para todos' é unha campaña de recollida de alimentos promovida polo Concello de Castro Caldelas. O punto de recollida son os baixos do Concello e a data límite é o día 4 de xaneiro.
Dende campañas de recollida de xoguetes ou alimentos a concertos solidarios ou espectáculos teatrais multiplícanse as campañas solidarias no noso territorio.  'A solidariedade é a tenrura dos pobos', apunta a poetisa nicaragüense Gioconda Belli. Mais alén de enfocala nun momento tan concreto do ano, máis aló de poñer a descansar as nosas conciencia nestas datas de excesos, non estaría de máis que quen temos privilexios tomemos o tempo extra que temos para pensar que accións podemos poñer en marcha individual e colectivamente para promover a xustiza social.
 
--
Imaxe. Mattias Zome, vía https://www.pexels.co
Concello
Ribeira Sacra
Ribeira Sacra