Desafiar o ciclo informativo de 24 / 7 / 365 e atender a temporalidade que esixe cada contido. Tomar tempo para enfocalos. Parar. Recuperar formatos como a entrevista en profundidade ou a reportaxe, que fan interferencia no xeito que temos de consumir contidos hoxe en día na rede.

Non imos polo máis novo, o inmediato e o desacostumado. Imos ver as necesidades comunicativas da veciñanza e afondar nelas.

A revista Delayed Gratification presume de ser a última en dar as novas. E nós imos tamén lentas e -oxalá- lonxe. A por contidos a modo, sen caducidade.

 “O xornalismo lento é aquel que emerxe como reacción á tendencia dominante á urxencia e á primicia e que convida a volver pensar nos tempos precisos para producir e consumir unha información rigorosa, creativa e de calidade”

Gloria Rosique e Alejandro Barranquer: ‘Periodismo lento (slow journalism) en la era de la inmediatez. Experiencias en Iberoamérica’